A compañía tecnolóxica Wellness TechGroup e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) van organizar o vindeiro xoves 14 de maio un webinar de balde sobre como aplicar medidas eficaces de protección nestes tempos de crise sanitaria nos que todo apunta a un notable incremento do malware e dos ataques informáticos perpetrándose na Internet e nas redes en xeral. A sesión online Estratexia de ciberseguridade en tempos de crise será impartida por Ismael Morales, experto en protección dixital e está organizada coa colaboración da entidade profesional galega que preside Fernando Suárez.
Segundo fan saber Welness e o CPEIG a conto do webinar e as razóns para convocalo, a ciberseguridade cobrou estes días un carácter aínda máis crucial, en parte polo incremento da nosa presenza nas contornas online (debido ao teletraballo, á teleformación e á necesidade de levar a cabo xestións en liña de todo tipo e estar en contacto cos nosos amigos e familiares), polo que aumentaron as ameazas informáticas de toda índole, por exemplo as derivadas de erros non intencionados ou ben de ataques premeditados e deseñados para eventualidades tan excepcionais como a que estamos a vivir.
Neste seminario en liña repasaranse as ameazas que podemos enfrontar no transcurso dunha crise e coñeceremos como reducir a exposición ante os ciberriscos.
A sesión, como dixemos, será impartida por Ismael Morales Alonso, técnico en Xestión da Ciberseguridade de Wellness TechGroup, e contará como anfitrión con Fernando Suárez Lorenzo, director do CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia).
A xornada está dirixida a persoas que traballen en equipos de IT ou seguridade tanto técnicos como responsables. Comentaranse aspectos técnicos, aínda que persoas que non teñan coñecementos en ciberseguridade poderán seguir o webinar sen problemas.
Wellness e o CPEIG organizan un webinar con todas as claves das que podemos botar man para estar máis ciberseguros
Compartir Este Artigo

