O Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo deu durante a crise sanitaria relevantes pasos para levar a súa actividade máis alá das súas dependencias físicas. Por exemplo achegando prácticas innovadoras durante o confinamento ao abeiro da iniciativa Conversas Audiovisuais dende a Casa. Ao abeiro disto, o alumnado de primeiro curso de Realización están a entrevistar en directo, de luns a xoves ás 18:30 a través de Instagram, a profesionais do audiovisual galego. O resultado deste labor, baixo a supervisión dos docentes, edítase logo para a súa publicación nas redes sociais Facebook e Youtube.
Esta práctica forma parte do módulo de Planificación de Realización en TV, e conta coa colaboración do profesorado dos módulos de Edición e Postprodución, e de Medios Técnicos.
Segundo informa a Deputación, este formato permite, por unha banda, o traballo en equipo, xa que os alumnos manteñen reunións a través da plataforma Zoom. “De igual xeito que nun programa de entrevistas en televisión, os estudantes deciden os invitados, redactan o guión e deseñan a campaña de promoción, emitíndoo logo en directo e encargándose da edición dos vídeos para os stories e a súa publicación en Facebook e YouTube”, explicaron fontes da Deputación, poñendo o foco noutra gran vantaxe da iniciativa: permitirlles coñecer de primeira man a experiencia de profesionais en activo do sector audiovisual galego, a maioría ex-alumnos do Centro de Formación Audiovisual incorporados ao mundo laboral.
Os invitados desta semana son: o luns, 11 de maio, Bruno Pena, director de produción en Mediacrest Entertainmet, que na actualidade está gravando o concurso El Cazador para TVE; o martes, Begoña Pérez, que traballa en producións para programas de televisión como Álbum de Viaxe para a TVG; o mércores, Álex Gato, técnico de radio na Cadena Ser e membro do colectivo de artistas Galicia Army; e o xoves, Paula Sinde, produtora en series como Hierro ou Auga Seca.
Actividade da Produtora durante o confinamento
Polo que se refire á Produtora do Servizo de Audiovisuais, mantén a súa actividade dende a declaración do Estado de Alarma. Neste punto, a entidade está a elaborar diversos produtos audiovisuais que se publican nas redes sociais. A través destes traballos dáse difusión ao labor da Deputación de Lugo durante a crise sanitaria. Ademais, desde o confinamento, o Servizo de Audiovisuais promove a provincia a través da sección Descubrindo Lugo e dá proxección a numerosas actuacións solidarias ou de entretemento que os lucenses, a nivel individual ou colectivo, realizan desde as súas xanelas ou nas redes. Tamén se emitiron vídeos nos que caras coñecidas do mundo lucense da cultura, o deporte, a gastronomía ou a ciencia contaban como estaban a pasar o confinamento e daban ánimo aos lucenses dende as súas casas. Por outra banda, o Centro de Produción Audiovisual está a colaborar na emisión dos plenos telemáticos dos concellos.
O alumnado do SdA da Deputación de Lugo participa en prácticas innovadoras durante o confinamento
Compartir Este Artigo

