Os nosos concellos, aínda que non se fale moito da cuestión, fixeron en termos xerais un gran esforzo durante a crise sanitaria para plantar cara a un problema que se agravou coa COVID-19: a fenda dixital que separa as cidadáns con recursos e conectividade para vivir plenamente nas redes dos que non contan recursos e conectividade. Hoxe mesmo tivemos un exemplo deste labor anti-fenda, o do Concello de Santiago, que, a través da Concellería de Educación, entregou un lote de material informático para permitir a conectividade das familias en risco de exclusión que non poden obter ensino telemático.
O lote estaba composto de 50 routers con SIM incorporada; outras 50 tabletas, tamén con SIM incorporada; e 40 tarxetas SIM para garantir a conectividade a través doutros equipos móbiles. Entregáronse nos centros educativos do municipio.
O obxectivo desta iniciativa, que segundo informou o Concello “tivo unha moi boa acollida”, é paliar “as dificultades das familias e garantir que os menores poidan seguir o curso en liña coa mesma normalidade que os seus compañeiros e compañeiras”.
O labor tivo a súa orixe hai xa unhas cantas semanas, co inicio da crise, cando se constatou a existencia, por unha banda, de moitas familias sen posibilidade de traballar e de formarse no dixital e, pola outra, a necesidade de seguir mantendo o ritmo docente a través dos dispositivos tecnolóxicos. Hai aproximadamente dúas semanas a Concellería de Educación púxose en contacto cos centros educativos para saber a cifra de escolares que puideran ter dificultades. En función deses datos, os colexios reciben os equipos e deciden a que alumnas e alumnos llelo entregan. Segundo explicou a concelleira de Educación, Noa Díaz, “somos un Concello preocupado polos nosos nenos e nenas. Queremos que todos eles poidan rematar este curso escolar nas mesmas condicións que empezaron, e dalgunha maneira contribuír a esa equidade educativa que aínda non existe”.
O Concello de Santiago combate a fenda dixital co reparto dunha manchea de equipos de conexión
Compartir Este Artigo

