Boa parte dos grandes acontecementos culturais que estaban previstos para esta primavera na nosa terra tiveron que adaptarse ás posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías, dándose o fito de que, malia as complexidades dos tempos que estamos a vivir, todos eles acadaron algún que outro fito novo en materia de repercusión e participación. Por exemplo a edición máis virtual do Salón do Libro de Pontevedra, que leva dous meses de intensa actividade (dende o 12 de marzo, cando se tiveron que pechar as portas físicas) nas redes e na súa web focalizando boa parte dos seus esforzos en amenizar o confinamento da cativada e achegar ás familias recursos de xogos. Este domingo, o salón pechará as súas portas dixitais coincidindo co 17 de maio, o Día das Letras Galegas.
En definitiva, non só foi o Salón do Libro máis virtual da historia, senón tamén o máis longo (a clausura estaba programada para o 22 de marzo) e o máis envorcado en mitigar, con creatividade e lecer, as consecuencias da reclusión das familias nos seus fogares.
A mesma fórmula do virtual será que presida o concerto de clausura desta edición, a cargo do RockLab, actividade músical do Concello de Pontevedra, impartida no Pazo da Cultura e dirixida por Gonzalo Maceira. Segundo informa Maceira, dar forma a esta actividade foi un reto complexo: “Traballamos con 30 alumnos/as de 6 a 10 anos a través de Goole Classroom e Zoom para as clases e levamos a cabo sesións de diferente tipo: individuais, por grupos pero sobre todo moita formación para pais, que se involucraron moitísimo no proxecto. Sen a súa colaboración e implicación 100% non tería sido posible chegar a porto”.
A emisión das actuacións dos Rock N roll Monsters e Os Cabaleiros e Damas do Rock terá lugar o domingo 17 cara ás 18h. no Facebook, Instagram, Youtube e web do Salón. Tamén está prevista a segunda parte do obradoiro Aprende banda deseñada con Fiz de Kiko Dasilva. Ao longo do día celebrarase difundiranse diferentes pezas audiovisuais a xeito de recompilacións do acontecido.
O RockLab e o Día das Letras poñen fin ao Salón do Libro máis virtual da historia
Compartir Este Artigo

