O Concello de Teo vai celebrar este 17 de maio unha dobre e significativa festividade: o Día de Internet e o Día das Letras Galegas. Respecto do primeiro, a Aula de Informática local preparou a publicación de diversos recursos con información, nubes de palabras, quebracabezas, infografías, xogos e sorteos dende o 11 ao 31 de maio no Facebook da Aula.
Entre as iniciativas que se poñen en marcha dende a Aula están un sorteo de debuxos infantil e unha exposición de fotos do confinamento en Teo. O sorteo de debuxos está dirixido a nenos e nenas de ata os 12 anos empadroados no concello, que poderán participar enviando unha imaxe dixital toma dalgún cartel creado por eles con debuxos de resistencia e superación neste tempo de confinamento.
Segundo informa o Concello, pódese empregar calquera tipo de material co único requisito de que sexa unha imaxe positiva acompañada do cancelo #teodebuxosdesdeacasa e #auladiainternet que deben pendurar nun apartado especifico do Facebook da Aula de Informática. As fotos con máis gústame serán as gañadoras e optaran a un premio de tres lotes de material de artes plásticas que serán mercados nas librerías do Concello para axudalas nestes difíciles momentos. Con todos os traballos que se presenten realizarase unha exposición na Aula de Informática a finais do mes de xuño (se as condicións o permiten).
Por outra banda tamén se prepara unha exposición na que se convida á cidadanía a recoller as imaxes de Teo que os veciños e veciñas ven dende as súas xanelas, balcóns, xardíns ou hortas. Para tomar parte nesta exposición, cómpre pendurar unha fotografía noutro apartado especifico do Facebook da Aula de Informática baixo os cancelos #teofotosdesdeacasa e #auladiainternet. Nas bases faise saber que se poderán pendurar tantas fotos como se desexe, indicando na descrición das mesmas o lugar onde están sacadas e o autor ou autora da mesma. Con todos os traballos que se presenten realizarase unha exposición na Aula de Informática a finais do mes de xuño.
Teo celebra o Día de Internet con actividades ata o remate do mes
Compartir Este Artigo

