Haberá un antes e un despois en materia de formación online logo da crise sanitaria. O Concello de Santiago vén dar un paso de xigante neste eido da docencia tecnolóxica anti-COVID, e faino con 4.000 novas prazas de formación, a maioría delas baixo a fórmula do mobile learning, constituíndose “unha aposta pioneira pola aprendizaxe a través de dispositivos móbiles”. A iniciativa foi dada a coñecer nos seus detalles polo alcalde Xosé Sánchez Bugallo e polo responsable municipal de Emprego, Xavier Ferreiro.
O programa de formación, deseñado polo departamento de Emprego a través do programa Talentia Summit’20 (dentro do Plan Marco de Reactivación Económica Compostela 2020), ten o obxectivo de mitigar os efectos da crise sanitaria provocada pola COVID-19. Son un total de 4.000 novas prazas, que se suman ás 1.500 lanzadas hai un mes, cubertas practicamente na súa totalidade.
Esta convocatoria conta dúas importantes novidades.
A primeira, a formación mobile learning, cunha serie de cursos, que suman 3.200 prazas, optimizados para facelos 100% dende o móbil e que buscan “facilitar o acceso de máis persoas as actividades formativas”.
A segunda trátase dunha acción formativa sobre COVID-19, coñecementos que, en palabras do Concello, “serán cada vez máis demandados en distintos sectores económicos, entre eles a hostalería e o comercio”.
O prazo de presentación de solicitudes está aberto dende hoxe e ata esgotar as prazas.
As distintas accións formativas, centradas nas tendencias profesionais máis demandadas do mercado laboral, divídense en tres grandes bloques de especialización e aprendizaxe: Idiomas, comunicarse nunha cidade cosmopolita, Habilidades e actitudes. Medrar e liderar o cambio dixital e persoal e Competencias profesionais, é momento de reinventarse. Durante a comparecencia, o alcalde destacou “a aposta sen precedentes por potenciar o talento profesional online para combater as secuelas da COVID-19, despois do éxito da anterior convocatoria formativa”.
Respecto da cuestión que nos ocupa en Código Cero, a do ámbito dixital, ofrécense 13 cursos para impulsar a transformación social e dixital das empresas e os profesionais independentes en seccións como cultura dixital, diversidade e inclusión, fundamentos de negocio e benestar emocional. Trátase de cursos optimizados para mobile learning, compatibles con todos os dispositivos que contarán con 3.200 prazas dispoñibles.
Santiago bate records en learning mobile con 4.000 novas prazas de formación
Compartir Este Artigo

