A Deputación de Lugo lanzou unha campaña para reactivar o consumo no comercio local, a hostalería e o turismo a nivel provincial. A iniciativa En Lugo, Si apóiase na aplicación integral dunha fórmula de probada valía para combater todo tipo de crises económicas: pechar fileiras arredor dos establecementos de proximidade. A campaña foi dada a coñecer polo presidente da Deputación, José Tomé, xunto aos deputados de Turismo e de Promoción Económica e representantes da CEL, a APEHL e a Federación de Comercio. Terá unha especial incidencia nas redes, unha metodoloxía de traballo (a tecnolóxica) na que a entidade provincial atesoura unha longa experiencia.
A marca, segundo fixeron saber, apela aos “valores e fortalezas que ten a provincia como un lugar seguro, de confianza, de calidade e de oportunidades para comprar, consumir, para o lecer, as vacacións e tamén para emprender”.
A campaña incluirá accións para os propios negocios e profesionais (coa finalidade de dotalos de ferramentas para facer fronte á nova normalidade), e tamén dará acubillo a actividades para a cidadanía destinadas a reactivar a demanda e o consumo.
A primeira iniciativa consiste nun programa formativo a través de Internet, pensado para apoiar aos negocios e profesionais na implantación de medidas de seguridade, garantindo a comodidade e o benestar do cliente. Contará con 300 prazas para os negocios dos concellos de menos de 20.000 habitantes. A Deputación entregará un diploma que acreditará que os negocios participantes realizaron esta formación e son, polo tanto, “establecementos seguros”. As inscricións abriranse o vindeiro luns, día 1 xuño, e o curso comezará o día 15 do mesmo mes. Tomé adiantou que no marco desta mesma campaña de promoción vanse organizar uns encontros online de debate e análise sobre a situación e o futuro do comercio, a hostalería e o turismo.
Pola súa banda, os representantes da Federación Galega de Comercio, da APEHL e da CEL coincidiron en agradecer estas iniciativas que, confían en que axudarán a mandar unha mensaxe de tranquilidade e confianza tanto ás empresas lucense coma ao conxunto da cidadanía e a incentivar o consumo.
Segundo fixo saber José Tomé, a Deputación leva semanas traballando no deseño deste proxecto, cuxas liñas xerais foron avanzadas o mes pasado ante aos axentes sociais e económicos da provincia durante unha rolda de contacto, onde “tivo moi acollida”, diso o presidente, engadindo que “se trata dunha iniciativa en coordinación e colaboración co tecido socioeconómico” e que “simboliza e reflicte todos os valores e fortalezas que ten a provincia como lugar seguro, de confianza, de calidade e de oportunidades para comprar, para consumir, para o lecer, para pasar as vacacións, pero tamén para emprender”.
A campaña para promover o comercio lucense, En Lugo Si, porá o foco nas redes
Compartir Este Artigo

