A AMTEGA xunto coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e as tres Universidades galegas veñen de asinar un convenio para facilitar ao alumnado universitario que o precise a realización de exames en liña desde as aulas da Rede CeMIT.
O acordo, xurdido a petición das universidades, ten como obxectivo que aqueles alumnos que teñan dificultades para examinarse online desde os seus fogares poidan facelo grazas á conexión das aulas CeMIT, entre o 1 de xuño e 31 de xullo de 2020.
Poranse a disposición da Universidades as aulas daquelas entidades locais que previamente presenten o seu compromiso ante a FEGAMP para participar nesta iniciativa. A partir de aí, os centros poderán empregarse como punto de conexión para realizar os exames online e contarán ademais co asesoramento e axuda para a correcta conectividade dos axentes TIC.
As universidades galegas serán as encargadas de articular e trasladar ao alumnado o procedemento e protocolo para facer uso da Rede CeMIT para a realización dos seus exames. O alumnos interesados terán que inscribirse previamente como usuarios da Rede, a través da web do CeMIT e reservar praza na aula da localidade do seu interese cunha semana de antelación e agardar a confirmación.
No portal da Rede estará dispoñible e permanentemente actualizada a relación de aulas nas que se poderán realizar os exames, que neste momento son 35, unha cifra que se incrementará coa adhesión de máis concellos.
Desde os concellos procederse ao cumprimento das recomendacións das autoridades sanitarias en materia de prevención e hixiene vixentes que se aplicarán en todas as aulas destinadas a este fin.
As aulas da Rede CeMIT poderanse empregar para a realización de exames universitarios
Compartir Este Artigo

