Artai, compañía de seguros con sede principal en Vigo, vén de lanzar unha plataforma online de balde para a avaliación de riscos en materia de seguridade. A ferramenta, que ofrece asesoramentos sen custos e máis a posibilidade de pechar contratacións de seguros contra ameazas tecnolóxicas, está dispoñible en ciber-seguro.es e é froito dun acordo entre a compañía galega e máis a consultora tecnolóxica DooingIT. Está dirixida a pemes, microempresas e autónomos, co fin de achegar solucións que lles sirvan para protexerse ante as diferentes ameazas que poidan chegar a través das novas canles de información e comunicación.
Entre as proteccións desta póliza destacan as referidas a ameazas de extorsión con secuestro de datos (ransomware), ataques de denegación de servizo, interrupcións do sistema informático, fallos de seguridade que dean lugar a accesos non autorizados e introdución de virus, etc.
En materia de protección de datos persoais, ofrece coberturas como a responsabilidade civil fronte a reclamacións de terceiros afectados pola fuga ou destrución de datos, sancións impostas pola Axencia Española de Protección de Datos e gastos incorridos para recuperación de información e acceso á mesma, limpeza de virus, recuperar o acceso aos programas, recrear os datos electrónicos da entidade, etc. Así mesmo, achega cobertura para a responsabilidade civil por reclamacións derivadas dos contidos publicados nos soportes propios da empresa.
Artai lanza dende Vigo unha plataforma online gratuíta para o diagnóstico de riscos en ciberseguridade
Compartir Este Artigo

