Ante a imposibilidade de celebrar con normalidade a festa do Corpus Christi, o Concello de Ponteareas vai sacar proveito das redes para festexala, ao grande, na contorna virtual. Deste xeito, un dos acontecementos relixiosos máis importantes da nosa terra, cuxas raíces se remontan a hai dous séculos e que é coñecido mundialmente por cubrir as rúas e prazas polas que transcorre a procesión de elaboradas alfombras florais, terá unha marcada vertente tecnolóxica. Por exemplo retransmitiranse pola canle do Concello en YouTube o pregón do escritor Alfonso Pexegueiro (o sábado 13) e máis o percorrido polas fachadas engalanadas das rúas do Corpus. A iniciativa (este esforzo por manter vivo o acontecemento pola vía dixital) vén da man do Concello, a veciñanza e a Corporación municipal.
Desta unión de forzas xurdiu un convite á cidadanía para, en palabras do Concello, “vivir o Corpus desde os balcóns das vivendas”, cun conxunto de actos que serán retransmitidos online para que “toda a veciñanza participe á hora de adobiar as casas con motivos alusivos aos Corpus e as súas alfombras de flores”. O traballo das e dos alfombristas e do Concello nos balcóns e nas terrazas será compartido nas redes sociais.
A revista Pregón
Finalmente editarase a revista Pregón, un clásico nas festas de Ponteareas, aínda que “cun formato distinto ao habitual”. Será presentada o sábado 13, nun acto co aforamento limitado e por convite para garantir a distancia interpersoal no que se dará lectura ao pregón por parte do escritor Alfonso Pexegueiro. O acto, como dixemos, será emitido en directo dende a canle oficial de Youtube do Concello. A continuación, a partir das 22 horas, farase un percorrido polas rúas engalanadas coa participación dun grupo musical de ruada acompañando á actriz Isabel Risco que se dirixirá aos espectadores en formato online e animará á veciñanza a saír aos balcóns e a participar na emisión en directo intervindo a través dun micro-pértiga.
Ao remate do percorrido polas rúas do Corpus coas fachadas adobiadas, retransmitiranse vídeos de arquivos históricos das alfombras das últimas décadas. Unha vez finalice a emisión en directo, a programación estará dispoñible para que calquera persoa poida volver a visualizala.
Ponteareas perfila a festa do Corpus Christi máis virtual da historia do concello
Compartir Este Artigo

