O vindeiro 22 de xuño terá lugar unha edición virtual do congreso de desenvolvedores de Apple, a WWDC, cita que aproveitarse para a realización de numerosos anuncios entre os que Mark Gurman asegura a través de Bloomberg que estarán os plans de migración dos procesadores Intel dos Mac a procesadores ARM propios.
A moi rumoreada transición de procesadores Intel a procesadores propios levaría por nome clave Kalamata, e botaría a andar en 2021, sendo preciso adiantar bastantes detalles con meses de antelación para ir preparando este importante cambio tecnolóxico, como cando no seu día Apple migrou de procesadores PowerPC a procesadores Intel.
En numerosas ocasións Apple tivo problemas para renovar os seus equipos por mor dos retrasos de Intel á hora de lanzar novas xeracións dos seus procesadores e, en vista do rápido que evolucionan os procesadores dos iPhone e os iPad, que son actualmente os máis potentes no mercado móbil, parece razoable pensar no uso de procesadores ARM en equipos informáticos, cando menos, nos equipos portátiles menos esixentes (queda por ver se serán dabondo para procesos de alto rendemento).
Gurman asegura que Apple está a traballar, como mínimo, en tres procesadores para Mac propios, baseados nos procesadores A14 que levarán os vindeiros iPhone, e que contarían tamén cunha unidade de procesamento gráfico e un motor neural para machine learning. Estes procesadores serían fabricados por TSMC con tecnoloxía de 5 nm, ou sexa, que irían na liña dos vindeiros iPhone, abrindo un camiño un chisco arriscado (actualmente existen equipos portátiles con procesador ARM e unha versión de Windows 10 adaptada para os mesmos, e foron moi mal recibidos comercialmente), aínda que o feito de que Apple realizase probas con éxito correndo macOS en procesadores de iPad Pro en 2018 poderían ter animado á empresas a dar este decisivo cambio para gañar independencia na creación dos seus propios produtos.
Na WWDC anunciaranse os plans de Apple para a utilización de procesadores propios nos Mac
Compartir Este Artigo
