Nun contexto como o actual, no que se xuntan a volta á normalidade co inicio da tempada estival, a tecnoloxía tenta dar respostas de seguridade para tal relevante confluencia de factores. Neste ámbito sitúase tamén a operadora Telefónica, que presentou estes días o que sería, nas súas palabras, “o sistema máis avanzado do mercado para controlar o aforamento nas praias”. O obxectivo é poñer ao alcance dos concellos costeiros a tecnoloxía e a conectividade precisas para realizar o control dos areais e evitar aglomeracións.
A través dun sistema de vídeo-vixilancia mediante cámaras IP con conectividade 4G e dotadas dun “potente software”, estas cámaras son quen detectar as zonas ocupadas e as que fican libres, e calcular a porcentaxe de ocupación en tempo real. O sistema basea boa parte da súa fiabilidade no cómputo avanzado que realiza ao combinar os datos da porcentaxe de ocupación do espazo controlado con datos de aforamento de persoas no devandito espazo.
“Con esta solución”, explica Telefónica, “os concellos poderán facer seguimento sinxelo e eficaz do grao de ocupación das súas praias a través dunhas cámaras que captan fotogramas da zona, e todo a través dun software que non grava imaxes e non almacena ningún dato persoal, unicamente detecta as zonas do espazo que están ocupadas e cales están libres”.
Desde o panel de control de usuario, un mapa mostra todos os puntos da área de praia e permite visualizar esa área, a súa porcentaxe de ocupación, o seu aforamento actual e o máximo permitido para esa localización. Ademais, pódense configurar as alertas no teléfono móbil dos responsables de supervisar o aforamento.
A tecnoloxía, engade a operadora, achega unha taxa de fiabilidade de máis do 99%, “grazas ás cámaras dotadas dun potente software con intelixencia e visión artificial mediante redes neuronais”.
Telefónica achega aos concellos un sistema de cámaras IP para controlaren as súas praias
Compartir Este Artigo

