A deste 12 de xuño será unha data relevante para a modernización tecnolóxica dos nosos cascos antigos, un complexo proceso (o de dotar con infraestruturas axeitadas de telecomunicación espazos urbanos protexidos das cidades) que terá en Compostela, nos anos vindeiros, un claro referente. Isto vén a conto polo proceso de consulta aberta a operadores que veñen de pechar a Xunta (a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA), e o Concello de Santiago. Esta consulta, destinada a convocar ás compañías de telecomunicación do noso mercado para o despregue de fibra no conxunto histórico compostelán, pechouse coas propostas de R, Telefónica e Orange, empresa que vén de solicitar licenza para comezar os traballos deste ano. Os detalles desta proposta daranse a coñecer a principios da semana que vén.
Segundo lembraron AMTEGA e o Concello, as iniciativas dos tres operadores son o resultado da consulta pública, lanzada a finais de ano polas dúas entidades para que os operadores presentasen proxectos de despregamento de fibra óptica no conxunto histórico de Compostela, tomando como punto de partida o Catálogo de Solucións Técnicas aprobado o pasado verán polo Goberno galego, en colaboración co Goberno compostelán e co Consorcio.
Tras unha primeira rolda de contactos, na que participaron ata sete operadores, foron as tres compañías citadas as que completaron o proceso coa elaboración das tres propostas valoradas positivamente pola comisión de seguimento da consulta aberta.
Catálogo de Solucións
A Xunta presentou en xullo do ano pasado o Catálogo de solucións para actuacións de tendido da rede de fibra óptica en contornas urbanas de especial protección e conxuntos históricos de Galicia, elaborado pola AMTEGA, o operador público autonómico RETEGAL e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para abordar unha problemática presente en toda a Unión Europea para a que ata agora non se ofrecera ningunha solución.
Para a elaboración desta guía partiuse do caso concreto de Santiago de Compostela e en colaboración co Concello, co Consorcio de Santiago e cun equipo multidisciplinar (integrado por arquitectos, enxeñeiros de telecomunicación e técnicos proxectistas especializados en despregamentos de fibra óptica), elaboráronse unha serie de propostas viables e extrapolables a outros conxuntos históricos, e que serviu de base técnica a ter en conta na consulta que se pecha.
AMTEGA e o Concello de Santiago pechan con tres propostas a consulta pública para o despregue de fibra no casco histórico
Compartir Este Artigo

