Este luns celebrouse a cuarta sesión dos encontros Abrindo as portas: o rexurdir do turismo, unha nova edición dos debates online organizados pola Deputación de Lugo para arrincar e pór en marcha, en colaboración cos representantes do sector, o motor turístico da provincia. A cita, abeirada á campaña En Lugo, Si, foi inaugurada pola deputada Pilar García Porto. No transcurso do faladoiro, retransmitido integramente a través de Youtube (na canle dos Servizos Audiovisuais da Deputación), participaron as asociacións profesionais do turismo, vencelladas ao aloxamento e ao comercio. Coincidiron en sentir unha actividade positiva de face á nova tempada de verán que está a piques de comezar.
Xunto a Pilar García Porto, interviñeron a presidenta da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, Dulcinea Aquín; o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor; o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas; o representante da Federación Galega de Turismo Rural, Francisco Xabier Almuíña, e a presidenta da Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia, Fátima Cachafeiro.
García Porto comezou a súa intervención poñendo en común os puntos de encontro que se abordaron con outros representantes do ámbito turístico neste mesmo espazo de diálogo: “Para a reactivación do sector a curto e medio prazo é preciso transmitir garantías sanitarias tanto para as persoas que traballan coma para as que nos visitan, tamén a profesionalización do sector e establecer unha rede de colaboración pública-privada que axude a coordinar accións de promoción para poñer en valor a diversidade da nosa oferta turística”, subliñou.
Novas xornadas
A través desta programación, a Deputación pretende crear na Rede un espazo de debate, de intercambio de opinións e de análise para abordar a reactivación turística da provincia. O último encontro de turismo online será este mércores ás 11:00 horas, e contará coa participación, novamente, da deputada de Turismo. Baixo o título Traballando por unha hostalería segura neste espazo de debate intervirán representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL), da organización Hostalería de España e da Horeca Data e Proxecto Hostelería Segura.
A Deputación de Lugo e as asociacións de turismo comparten en Youtube recursos para recuperar o sector
Compartir Este Artigo

