Prosegue a actividade da rede de capacitación dixital SmartPEME, habilitada en distintos puntos da provincia de Pontevedra para contribuír á transformación tecnolóxicas de empresas, autónomos e profesionais. Segundo fixo saber a Deputación, responsable da rede, a terceira semana de xuño virá cunha nova remesa de cursos informáticos que, por mor da actual situación sanitaria, seguirán tendo formato online. Ata o 19 de xuño o programa de asesoramento tecnolóxico da Deputación oferta cursos sobre ensamblaxe 3D, Inbound Marketing ou Google My Business. Serán un total de sete obradoiros virtuais.
A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta nesta terceira semana de xuño sete novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións, con 10 prazas cada unha, versan sobre xestión de redes sociais, ferramentas para a mellora da web, ciberseguridade, copywritting, ferramentas para empresas turísticas, promoción das empresas ou técnicas de mercadotecnia.
Este luns 15 de xuño Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual, impartirá un obradoiro titulado Promociona o teu negocio con Google My Business. O martes 16 Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas, falará sobre as Ferramentas dixitais para restauración e hostelería e Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, centrarase nos Facebook Ads.
Para o mércores 17 SmartPEME ten programados dous talleres. No primeiro deles o experto en robótica Manuel Freire falará sobre Ensamblaxe 3D con Onshape I e o segundo chega baixo o título de Grava e edita co teu teléfono móbil: Inshot e será impartido por Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico. Chegados ao xoves 18 o enxeñeiro informático José Luis Taboada centrarase no mundo do Inbound Marketing. Por último, o venres 19 levarase a cabo un obradoiro titulado Marketing de contidos: aprende a diferenciarte da competencia, que contará con Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas.
SmartPEME enche a terceira semana de xuño con novos cursos online de informática
Compartir Este Artigo

