A fibra óptica chegará á rúa do Franco este verán e á totalidade do conxunto histórico compostelán nun prazo estimado de sete meses. Este é o obxectivo do plan de despregue que o director territorial de Relacións Institucionais do operador Orange, Óscar Aragón, presentou este 16 de xuño á directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; ao alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo; e a directora xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura e Turismo, María del Carmen Martínez.
Esta previsión de fornecemento tecnolóxico, un acontecemento histórico para a modernización do casco vello compostelán (e tamén para os barrios antigos do resto das vilas e cidades da nosa terra, coa extrapolación dos achados santiagueses a outras contornas), foi posible grazas á colaboración entre AMTEGA e o Concello de Santiago, que veñen traballando para facilitar o fornecemento de redes de telecomunicacións nesta zona especialmente protexida. Fixérono, máis polo miúdo, coa elaboración dun catálogo de solucións técnicas e co posterior lanzamento dunha consulta pública a operadores. Este proceso rematou coas propostas de R, Telefónica e Orange, operador que solicitou a licenza municipal a semana pasada.
A comisión asesora de patrimonio do casco histórico informou favorabelmente da proposta de despregamento para todo o ámbito da cidade histórica e o proxecto concreto para a rúa do Franco, de cara a continuar coa tramitación administrativa da licenza, co que o operador espera poder iniciar o despregamento este verán neste céntrico viario para continuar progresivamente en toda cidade vella nun prazo aproximado de sete meses. O alcance desta iniciativa abrangue todo o ámbito do plan especial, non só a améndoa do casco histórico. O proxecto contempla, tamén, a compartición de infraestruturas, o que permitirá a outros operadores poder dar servizo no conxunto histórico utilizando as redes de Orange.
Para a extensión da fibra o operador empregará caixas de baixo impacto nas fachadas e as canalizacións existentes. Son solucións acordadas durante o proceso de consulta aberta a operadores lanzado a finais do pasado ano por parte da AMTEGA, o Concello e a Consellería de Cultura e Turismo que se fraguaron tomando como punto de partida o Catálogo de Solucións Técnicas aprobado o pasado verán polo Goberno galego.
A fibra óptica de Orange abranguerá a améndoa histórica de Santiago nun prazo de sete meses
Compartir Este Artigo

