Un equipo de especialistas da Facultade de Filoloxía e Tradución puxo en marcha este curso unha páxina web facilitar o ensino e interpretación da lingua de signos. Trátase de iSignos, unha nova ferramenta de consulta, aberta e gratuíta, na que se pon ao dispor de calquera persoa interesada un corpus de anotación da Lingua de Signos Española, coas súas correspondentes glosas identificativas.
A principal responsable do proxecto é a profesora Maruxa Cabeza, que lembra que a ferramenta non só “é de interese para a comunidade investigadora”, senón que se revela tamén como “un importante recurso de apoio a tarefas como o ensino ou a interpretación da LSE”.
Para pór en marcha iSignos contaron coa colaboración dun equipo de persoas xordas, expertas en LSE, que formaron parte do equipo.
O deseño do corpus e a meirande parte das gravacións fixéranse xa nun proxecto anterior (Radis, Relaciones Actanciales en Discurso Signado) e, nesta segunda etapa o que se fixo foi ampliar e refinar a anotación, centrándose máis na descrición de expresións complexas, habilitando un corpus e máis o léxico identificado nese corpus.
Agora, o usuario ou usuaria pode acceder á lista de gravacións, podendo filtrar a busca por diferentes ítems, desde o xénero discursivo ata o tema ou o sexo e rango de idade do informante, así como empregar tamén a busca por glosa (só man dereita, só man esquerda, por palabra exacta, etc).
Para a posta en marcha deste segundo proxecto, titulado Estruturas argumentais complexas en discurso signado: estudo baseado nun corpus da lingua de signos española, contouse cunha subvención do Ministerio de Economía e Competitividade de 50.000 euros.

