O Concello de Pontevedra e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza (COAG) veñen de presentar un acordo para habilitar un sistema electrónico que axude a axilizar as tramitacións urbanísticas de licenzas a nivel local. Concretamente, o convenio de colaboración fará posible a interoperabilidade entre o procedemento de tramitación de traballos profesionais do COAG e os procesos de tramitación de licenzas e outros trámites urbanísticos do Concello. O obxectivo último é “permitir o acceso telemático a documentación técnica tanto por parte do Concello como por parte dos arquitectos”.
O concelleiro de Urbanismo Xaquín Moreda explicou que “o Colexio de Arquitectos ten un sistema de visado dixital e o Concello ten implantado un procedemento de tramitación electrónica de expedientes” e, neste contexto, xurdiu a oportunidade de establecer unha serie de mecanismos de compatibilidade entre os dous sistemas”. Segundo dixo, a plataforma permitiría á Administración local acceder á documentación dos proxectos visados polo COAG, normalizar a documentación técnica e administrativa de carácter xeral, e garantir a identidade e habilitación dos técnicos redactores.
Moreda tamén salientou que posta en marcha deste sistema telemático “evitará desprazamentos e trámites presenciais, o que simplificará e axilizará os procedementos administrativos e aforrará custes”. A este respecto, Moreda lembrou que esta acción está en liña con “un dos obxectivos deste mandato que é a modernización da Administración pública e a simplificación de trámites administrativos”. Pola súa banda, o presidente da delegación do COAG, Anselmo Villanueva apuntou como unha das principais vantaxes que este sistema “ten que redundar na axilización da tramitación das licenzas municipais”.

