
O CPEIG considera “imprescindible que a Enxeñaría en Informática figure como requisito de titulación na escala de sistemas e tecnoloxía da información e na escala de xestión de sistemas de informática, ambas recollidas na citada Lei de Emprego Público de Galicia”. E engade o presidente do colexio, Fernando Suárez: “É unha demanda de xustiza, beneficiosa para a propia Administración galega e para o conxunto da nosa sociedade”. Nesta liña, Suárez sinala que o impulso cara unha regulación efectiva da profesión permitirá que Galicia se sitúe cada vez máis “como innovadora e referente no ámbito tecnolóxico”, xa que no actual contexto da pandemia global as tecnoloxías da información, da man da Enxeñaría en Informática, amosáronlle á sociedade o seu papel fundamental como servizo básico.
“As tecnoloxías da información non só vertebran e permiten o funcionamento das sociedades modernas, como a galega, senón que tamén permitiron reducir o impacto da pandemia habilitando que se puidese teletraballar, impartir docencia de xeito remoto, continuar co funcionamento dos servizos básicos e dos medios de comunicación ou manter o contacto cos nosos seres queridos”, explica Suárez, engadindo que a día de hoxe, “a escala de enxeñeiros do sector público galego establecida na LEPG inclúe as especialidades de enxeñarías de camiños, canais e portos, agronómica, industrial, de minas, montes e de telecomunicación”.
Ademais, o CPEIG lembra que as escalas xerais de sistemas e tecnoloxía da información e de sistemas de informáticas teñen na actualidade como requisito de titulación “licenciado, graduado ou diplomado nunha titulación de calquera rama”, aspecto que o colexio profesional considera “anómalo” para o obxectivo que persegue a Administración autonómica de dotarse de profesionais que lle permitan avanzar de xeito seguro e veloz cara a dixitalización, a prestación de servizos públicos dixitais e a administración dixital.
O CPEIG solicita a inclusión da Enxeñaría en Informática nas escalas de enxeñeiros da LEPG
Compartir Este Artigo

