O Arde Lucus, a popular festa romana da cidade de Lugo, que este ano veu marcada pola necesidade de garantir a distancia social e adaptación a formatos reducidos ou dixitais das actividades do programa, clausurou a súa XIX edición, a máis virtual da historia debido á crise sanitaria, chegando a máis de 350.000 persoas de toda a contorna europea. Segundo informou o Concello, impulsor da festividade, “este dato reflicte o alcance das publicacións nas redes sociais do evento que este ano cobraron un especial protagonismo, chegando a países como Reino Unido, Portugal, Estados Unidos, Arxentina, Alemania, Italia, Francia, Rumanía, Colombia ou Brasil, entre outros”.
O Goberno lucense engadiu que os contidos publicados a través destas canles superaron as 135.000 reaccións (gústames, comentarios e publicacións compartidas) en Facebook, Instagram, Twitter e YouTube. Respecto aos contidos audiovisuais publicados, os vídeos rexistran máis de 85.000 reproducións, en menos dunha semana, unha cifra que continúa a incrementarse.
A alcaldesa, Lara Méndez valorou de xeito moi positivo estes datos “estamos a falar de que chegamos a todo o mundo e iso, evidentemente, significa que o Arde Lucus xa é internacional, e que ademais vai a ter unha repercusión importante de cara ao ano 2021, supoñendo unha fiestra aberta ao mundo da nosa cidade, o que traerá máis visitantes que queiran gozar de Lugo a pé de rúa”.
Os contidos máis visualizados foron un spot promocional da edición e un emotivo documental elaborados polo Concello, no que representantes das 19 asociacións vinculadas á celebración falan da súa importancia para a cidade. Tamén acumulan centos de reproducións os distintos vídeos elaborados polos colectivos, onde se reflicten aspectos importantes da historia romano castrexa de Lugo.
Os contidos do Arde Lucus máis virtual superaron as 85.000 reproducións
Compartir Este Artigo

