Paula Fraga Lamas e Tiago Fernández Caramés, investigadores da UDC e do seu Centro de Investigación TIC (CITIC), amais de expertos en ciberseguridade, veñen de publicar un artigo científico no que propoñen o uso da tecnoloxía de cadea de bloques (blockhain) para combater as chamadas fake news nas redes, os populares bulos, por desgraza un fenómeno en aumento dende o inicio da emerxencia sanitaria.
Esta tecnoloxía da cadea de bloques, para quen non o saiba, é recurso dispoñible para acadar transaccións cen por cen seguras na Rede. Funciona como libro contable dunha empresa, permitindo garantir a orixe e a rastrexabilidade dos datos e transaccións e proporcionando un rexistro transparente, inmutable e verificable. Emprégase para dar alicerce seguro ás bitcoins.
A este respecto, Paula Fraga e Tiago Fernández foron quen de identificar as principais aplicacións potenciais da tecnoloxía blockchain: moderación de contido descentralizado, fact-checking incentivado, sistemas de reputación, aplicacións distribuídas colaborativas, servizos avanzados de rastrexabilidade (o que se coñece tamén como trazabilidade), e incluso técnicas forenses.
Os dous devanditos científicos publicaron o artigo Fake News, Disinformation, and Deepfakes: Leveraging Distributed Ledger Technologies and Blockchain to Combat Digital Deception and Counterfeit Reality en IT Professional coas principais recomendacións relativas a deseño e aplicación de solucións axeitadas xunto cos máis destacados desafíos abertos para guiar aos desenvolvedores vindeiros desta liña de investigación.
Expertos do CITIC plantan cara ás fake news con tecnoloxía de cadea de bloques
Compartir Este Artigo

