O Xardín Botánico-Artístico de Padrón estreou estes días páxina web, un sitio online onde todos os elementos están dispostos para pór en valor o tesouro natural do dito concello, un refuxio medio-ambiental urbano e, tamén, un lugar de lecer e recollemento moi acaído para estes complexos tempos de crise sanitaria e distanciamento. Precisamente, a posta en marcha da web e as visitas guiadas que organiza o Concello para mostrar a riqueza do xardín (a partir desta mesma finde) son actividades que forman parte do Plan de Reactivación do Sector Comercial e Turístico elaborado polo Concello de Padrón fronte á crise da COVID-19.
O sitio web do espazo natural urbano atópase dispoñible xa en xardinbotanico.padronturismo.gal. Trátase dunha iniciativa posta en marcha pola Concellaría de Turismo que dirixe Lorena Couso “para promover e poñer en valor, máis se cabe, este tesouro natural do noso municipio, declarado Ben de Interese Cultural no ano 1946 e que está considerado un dos primeiros xardíns de España”.
Ademais do plano dos xardíns (descargable) ou a posibilidade de facermos reservas para as visitas guiadas, a web inclúe información de interese como as fichas do catálogo de especies presentes do xardín ou unidades didácticas tanto para alumnado de infantil (de 3 a 5 anos) como de 1º a 4º de primaria (de 6 a 9 anos). Así mesmo, achega unha guía de árbores senlleiras de Padrón. A páxina web, que se completa cun apartado de novas e un catálogo de imaxes, está accesible en galego, español e inglés.
“A posta en marcha desta web”, informa o Concello, “culmina os proxectos programados pola Concellaría de Turismo con motivo do 150 aniversario do Xardín Botánico-Artístico de Padrón”. Ao abeiro do proxecto editouse un novo folleto promocional co plano e a situación das principais especies en tres idiomas, a sinalización das cincuenta especies das que se fixeron as fichas (o nome en galego, o nome científico e un código QR que redirecciona á web do xardín) e a elaboración das fichas didácticas e as 50 fichas descritivas das especies máis características.
En marcha a páxina web do tesouro natural da vila de Padrón: o seu Xardín Botánico-Artístico
Compartir Este Artigo

