Os eventos presenciais van volvendo paseniño á Universidade de Vigo. Un deles regresou este pasado venres: a xornada anual de avaliación do programa de doutoramento DocTIC de AtlantTIC, centro da Universidade de Vigo centrado nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), evento que se celebrou na se celebrou na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e no que participaron, ao longo da mañá, máis de medio cento de estudantes do devandito programa de doutoramento, presentando os seus traballos de investigación en sesións póster presenciais e tamén a través de conexións virtuais.
En total, nesta oitava edición concorreron 57 estudantes, un número semellante ao doutros anos, aínda que, segundo informou a Universidade de Vigo, a crise sanitaria provocou que sexan máis os alumnos e alumnas que optan por presentacións en liña. De feito, neste doutoramento arredor do 50% son estudantes estranxeiros (Paquistán, Ecuador, Irlanda, Exipto), que apostaron por facer as súas presentacións de póster de xeito remoto, por Internet, dadas as restricións actuais para viaxar.
A temática das 57 contribucións foi “moi variada”, xa que como lembra o responsable do programa, Manuel García Sánchez, “as TIC son tecnoloxías moi transversais e existen moitas liñas de investigación enmarcadas en nove áreas: arquitecturas e servizos telemáticos; comunicacións dixitais; electrónica de comunicacións; bioenxeñaría; procesado do sinal; comunicación radio; comunicacións ópticas; teledetección e radionavegación e, por último, redes de datos”.
No que se refire ao desenvolvemento da xornada, as presentacións dos traballos comezan cunha sesión conxunta, na que cada alumno fai unha exposición dun minuto de duración, para logo ficar durante unha hora a carón do seu póster para explicar aos asistentes que se acheguen e aos comités de avaliación o seu traballo e responder tamén ás preguntas que lles fagan.
Dous relatores convidados
O programa da xornada comprendeu tamén dous relatorios de poñentes convidados, Luís Gonzaga Magalhães e Miguel Angel Guevara, investigadores da Universidade de Minho. A temática das súas intervencións xirou arredor das potencialidades da visión aumentada para a a industria intelixente, a chamada Industria 4.0. Segundo explicaron, a combinación axeitada de técnicas emerxentes, como a visión por ordenador, a Realidade Aumentada e mixta e a Intelixencia Artificial están a desempeñar un papel clave nas tarefas de integración e colaboración de máquinas humanas, para facer posible a o concepto de “fábrica intelixente”. Os investigadores achegaron aos asistentes novas aplicacións e tendencias de técnicas emerxentes para crear sistemas de visión aumentada e intelixente para a Industria 4.0, proporcionando información relevante e contextualizada.
Até 57 estudantes presentan traballos tecnolóxicos avanzados na Escola de Telecomunicación
Compartir Este Artigo

