A Deputación de Ourense e Federación de Comercio de Ourense anunciaron esta semana a vindeira posta en marcha da que sería, nas súas palabras, “a primeira plataforma provincial de comercio online”. Será, engadiron Manuel Baltar e Beatriz Gómez, presidentes das dúas entidades, “un marketplace orientado ao comercio ao por menor”, que estará dispoñible para móbiles e tabletas e que permitirá aos pequenos negocios dar o chimpo á Rede “de maneira sinxela e cun custe baixo”. O servizo presentarase baixo o nome de “eprox”.
A plataforma, explicaron, xa conta a estas alturas do seu desenvolvemento con máis de 330 establecementos inscritos. Ofrecerá aos comerciantes sistemas de tecnoloxía para a venda, identificando as preferencias dos clientes; loxística adaptada; información completa de cada negocio, e soporte técnico para todo o proceso de venda en liña.
“Trátase de que nunha situación normal pero tamén nesta, extraordinaria, como é a etapa postCOVID, axudemos ao comercio, como fixemos coas axudas a autónomos e pemes de Ourense”, explicou Manuel Baltar, que expresou a súa confianza en que esta plataforma de venda sexa “un éxito que nos visualice”.
A Deputación e a Federación de Comercio de Ourense activarán a que sería a primeira plataforma provincial de ecommerce
Compartir Este Artigo

