
Adaptándose ás novas circunstancias sanitarias e ás posibilidades que brindan as TIC
Segundo lembra a Universidade de Vigo, as JAI, nun primeiro momento, e de forma preventiva ante a emerxencia sanitaria, ían aprazarse ata vindeiro curso 2021. Porén, tralo interese mostrado por algunha das firmas participantes e unha vez confirmada con Vicente Goyanes, responsable da dirección e mantemento de campus mulltimedia-UVigo TV, a posibilidade de crear un xemelgo dixital das xornadas, os organizadores chegaron á conclusión de que “baseándonos nunha infraestrutura semellante á do Campus Remoto, viamos posible crear con bastante celeridade un prototipo técnico, http://digitaljai.teltek.es”, explica Ignacio Armesto, profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática, e principal impulsor destas xornadas de automatización, engadindo que a edición virtual das JAI (as primeiras Digital JAI) desenvolverase entre os días 26 e 30 de outubro, unha semana despois da data fixada inicialmente para o simposio presencial xa que “debido á COVID-19, outro evento do sector desprazou as súas datas a dita semana”.
O docente salienta que “non pretende que a partir de agora as JAI pasen a ser un evento en liña, senón que este ano a idea é experimentar o formato do xemelgo dixital para, nun futuro, construír unhas xornadas híbridas, con compoñente presencial e virtual, que se celebrarían, coma sempre, cada dous anos”.
No que respecta ás empresas, o profesor Armesto asume que “o total de participantes será inferior ao das xornadas tradicionais, o que é lóxico dada a situación excepcional na que nos atopamos”, e que provoca que, moitas empresas pasen por grandes dificultades contextuais ao tempo que as accións globais de mercadotecnia redúcense. “A sorpresa chegou”, relata o organizador, “cando, xa nun primeiro momento, tras realizar unha consulta ás 30 firmas que confirmaran a súa participación para o 2021 sobre estarían interesadas en participar nunhas Digital JAI este ano 2020, máis de 15 confirmaron a súa asistencia inmediatamente”. Esta resposta positiva deu luz verde para comezar cos preparativos e coa organización do evento, lanzando o chamamento oficial para a participación das empresas hai tan so tres días.
O programa completo de conferencias inclúe 40 sesións e 26 multinacionais confirmadas.
As JAI desenvolverán a súa nova edición en outubro a través dun xemelgo dixital
Compartir Este Artigo

