A plataforma #PonteLovers e a Asociación de Empresarios de Hostalería de Pontevedra (HOEMPO) presentaron os días pasados os detalles dun sistema dixital para facilitar o control dos accesos aos establecementos. Segundo fixo saber o Concello de Pontevedra, impulsor de PonteLovers, a iniciativa forma parte do Programa Hostalería Responsable, que consiste nun conxunto de actuacións enfocadas a axudar ao sector a “adaptarse ao mare magnum de normativas derivadas da pandemia e que está desbordando ao sector”. A primeira destas accións verá a luz nos vindeiros días e traducirase nunha ferramenta dixital destinada a optimizar a protección dos locais hostaleiros e dos seus usuarios, facilitando o control dos aforamentos e a localización de clientes ante posibles gromos.
Segundo explicou a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “trátase basicamente dun código QR que estará na entrada dos locais, que levará incorporado un formulario no que o usuario deixará o seu contacto e que rexistrará de xeito automático a data e a hora”. A información, sinalou, irá parar a unha base de datos que se porá a disposición das autoridades sanitarias no caso de que fora necesario. A idea, engadiu a edil, é que esta ferramenta sexa de uso extensivo en todo tipo de hostalería en Pontevedra, de balde para os asociados do colectivo HOEMPO e, para os que non o sexan, “cun custe único de tan só 50 euros”.
Tal e como salienta Yoya Blanco, o sistema dixital de acceso seguro de #PonteLovers e HOEMPO “é unha iniciativa absolutamente pioneira en Galicia”, resultado dun esforzo conxunto que será efectivo en breve.
O Concello e os hostaleiros de Pontevedra achegan un sistema dixital de control de acceso para os locais
Compartir Este Artigo

