Telefónica fixo balance dos traballos recentes despregados na Porqueira para dotar o concello ourensán con máis cobertura de Fibra Óptica Até o Fogar (FTTH). Os equipamentos saldáronse coa incorporación á zona de cobertura de 55 novas vivendas e empresas, que se suman ás 615 que xa contaban con este servizo da operadora, o que supón, nas súas palabras, unha zona de influencia que abrangue o 100% do municipio. As novas unidades inmobiliarias en cobertura sitúanse en sete núcleos de poboación: Airavella, Gándara, Quintas, Rosendo, San Mamede de Sobregrande, Soutelo e Toxal.
A posta en cobertura destes fogares, que xa foi comunicada á alcaldesa do municipio, Susana Vázquez, significa que aqueles poderán gozar da fibra óptica de Movistar, que ofrece voz con alta calidade nas chamadas e máxima velocidade de conexión a Internet en varios dispositivos (computador, tableta, móbil) de xeito simultáneo e sen reducir velocidade de conexión, entre outras vantaxes. Ademais, engade a operadora no seu balance, “se os usuario dispoñen de Movistar+ terán acceso a canles de alta definición e poderán gozar dos seus contidos mentres navegan por Internet”. Igualmente conseguirán a máxima velocidade e resposta nos xogos en rede.
O despregue nos novos fogares que entran agora en cobertura está impulsado polo Ministerio de Economía a través do Plan Nacional de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración – PEBANG. Telefónica continúa así coa súa política de colaboración público-privada para situar a Galicia á vangarda en infraestruturas de telecomunicacións de última xeración. A finais de 2019, o 40% da poboación da provincia de Ourense contaba con cobertura de fibra óptica (FTTH) de Movistar, o que supuxo un total de 107.298 vivendas e negocios e un 23,78% máis que no exercicio anterior.
A previsión é que na provincia de Ourense entren este ano en cobertura outras 47.574, tamén en núcleos dispersos e orograficamente complexos, aumentando en máis dun 44,34% a poboación da provincia que poderá gozar da fibra óptica de Telefónica.
Telefónica brinda cobertura de fibra no 100% do concello da Porqueira
Compartir Este Artigo

