A Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) organiza en setembro, entre os días 16 e 17, unha actividade formativa sobre as posibilidades que abren as novas ferramentas no eido cultural e na súa revalorización: o curso seminario Patrimonio Cultural Dixital: Retos e Oportunidades. Celebrarase a través do campus virtual da UIMP en colaboración coa Deputación A Coruña e o Clúster TIC Galicia, contando tamén co apoio do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e doutras entidades e empresas da nosa terra e do ámbito estatal. O obxectivo é “presentar unha visión xeral e integrada do PCD na actualidade, así como as principais tendencias de futuro”.
O medio para o devandito cometido é a presentación en tres grandes bloques temáticos de casos concretos de distintas organizacións públicas e privada líderes nos seus respectivos ámbitos, tanto a nivel europeo, como nacional e galego.
A dirección do curso correrá a cargo de Juan F. Castro-Cal, científico titular do CSCIC, e de Leticia Sotoca Atance, da empresa galega Xercode Media Software.
Participarán, entre outros, Emilio Abad, do departamento de Sistemas de Información Xeográfica do CESGA, Alberto Bernal García, director de Desenvolvemento de Negocio de Smart Cities de Indra (Minsait), María Isabel Casal (directora da Biblioteca Xeral da USC e presidenta de REBIUN), Isabel Crespo (coordinadora do Programa Educaciona), María José García Sexto (directora da Área de Modernización de Administracións Públicas e AMTEGA) ou Carmen Prieto, directora do Arquivo Histórico de Galicia.
O programa inclúe actividades tan relevantes como a presentación do Proxecto CRUSOE sobre patrimonio cultural dixital, aproximacións ao patrimonio cultural da Idade Media (como aproveitar as oportunidades que ofrece a súa dixitalización) ou un achegamento á experiencia da Biblioteca da USC.
A UIMP organiza un curso sobre patrimonio cultural dixital co apoio dunha manchea de entidades galegas
Compartir Este Artigo

