O Concello da Coruña vai impulsar a Feira Virtual de Industrias Culturais Creativas de Ibericc Global, unha cita directamente encamiñada a impulsar o sector nestes tempos de crise sanitaria e económica, dando acubillo a firmas da Península para intercambiaren recursos e achados de renovación, transformación e adaptación. Asemade, sentaranse os alicerces para colaboracións vindeiras conxuntas. Celebrase os días 20 e 21 de outubro, con formato de “escaparate dixital” para un cento de pequenas e medianas empresas das industriais culturais e creativas.
“Ante o descenso de actividade derivado da pandemia”, informa o Concello da Coruña, “esta iniciativa supón unha ferramenta dixital e un modelo de cooperación a través do cal as firmas participantes contarán cun expositor virtual, personalizado coa súa imaxe e o seu logotipo, en que describirán os seus servizos”.
Neste espazo, poderán realizar presentacións e demostracións en liña, así como visitaren os postos das outras empresas cunha primeira xornada, de 10.00 a 14.00 horas, e unha segunda, que se desenvolverá de 14.00 a 18.00 horas.
Amais, haberá encontros a través da Internet onde as pemes e os profesionais participantes poderán xerar oportunidades empresariais. A cita, que busca” propiciará o intercambio transnacional de cara a que as/os participantes poidan organizar accións conxuntas no futuro”, está apoiada por oito entidades públicas e privadas de territorios transfronteirizos de España e Portugal. Ademais do Concello da Coruña, están involucradas as entidades Andalucía Emprende, Cámara de Comercio de Sevilla, Cámara de Comercio de Badaxoz, Fundación Santa María la Real, de Castela e León; o Concello de Faro, o Centro de Innovación Empresarial CIEBI e a Asociación Empresarial NERPOR.
Para máis información sobre o evento, cómpre visitar a páxina web de Ibercc Global.
A Coruña impulsa a feira virtual das industriais culturais creativas
Compartir Este Artigo

