O curso de verán da Universidade da Coruña sobre o humanismo na era tecnolóxica (O humanista dixital: competencias, recursos e ferramentas para o estudo e a investigación no século XXI), recibiu o premio da Sociedad Internacional Humanidades Digitales Hispánicas (HDH) á mellor iniciativa formativa do ano 2019. Trátase dunha actividade formativa estival organizada polo Grupo de investigación en Lingua, Literatura e Cultura Hispánica (Hispania) da UDC co apoio do Campus Innova.
O curso ofreceu na súa primeira convocatoria información e formación sobre novos métodos e tecnoloxías de desenvolvemento aplicados á investigación en disciplinas humanísticas, así como a práctica activa baixo a dirección de expertos en tecnoloxías punteiras. Ao seu abeiro presentáronse proxectos activos de institucións como a Real Academia Española (NDHE), a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela ou a Universidade de Verona.
O premio da HDH á mellor iniciativa formativa foi outorgado ao curso de verán cando está a punto de dar comezo a segunda edición que leva como título: E se o mundo aínda non rematase? Recursos dixitais para sobrevivir en Humanidades. Organizado por Nieves Pena Sueiro e Mónica Martín Molares, do grupo de investigación Hispania da UDC, terá lugar do 7 ao 11 se setembro, esta vez de maneira virtual, a través da plataforma Zoom.
O curso pretende ofrecer aos interesados (investigadores, alumnos, doutorandos…) formación e información sobre recursos e ferramentas que achegan as Humanidades Dixitais e que son de gran axuda para a investigación en disciplinas como Filoloxía, Comunicación, Biblioteconomía, Documentación, Historia, Arte, Xeografía, Arqueoloxía ou Dereito.
Tras unha conferencia inaugural, que ditará a profesora Sagrario López Poza, celebraranse cinco sesións sobre ferramentas de todas as etapas da investigación: procura e organización da información, metodoloxías, almacenamento da información, preservación, edición e difusión.
Premiado o curso da UDC sobre humanidades dixitais
Compartir Este Artigo

