Esta semana publicáronse os detalles da cuarta edición do programa Fábrica Intelixente e Sostible, un programa da Consellería de Economía que inclúe 15 millóns de euros en axudas co-financiados polos Fondos FEDER e ao abeiro do cal preténdense mobilizar 49 millóns de euros. A iniciativa apoiará proxectos de I+D que contribúan a renovar o noso xeito de producir, xerar riqueza, coñecemento e emprego, facéndoo máis sustentable, rendible, eficiente, automatizado, conectado e dixital. O prazo de solicitudes ficará aberto ata o vindeiro 28 de setembro.
Os proxectos, que poderán ser individuais ou en colaboración entre empresas ou con organismos de investigación galegos, deben ter unha duración mínima de tres anualidades, ser desenvolvidos en Galicia, facer un uso intensivo de tecnoloxías facilitadoras para obter produtos e procesos de alto valor engadido, en liña coas tendencias internacionais da fábrica do futuro, e contar cun efecto tractor e incentivador do investimento público sobre os sectores estratéxicos galegos.
Así mesmo, en coherencia co Pacto Verde Europeo, búscase impulsar o desenvolvemento de proxectos que permitan ás empresas avanzar nos seus compromisos medioambientais e enfocar a súa actividade cara a unha forma de producir máis eficiente baseada no emprego de tecnoloxías limpas. A intensidade da axuda oscilará entre un 15 e un 80% segundo o tipo de proxecto e empresa.
Entre as principais novidades desta edición atópase o aumento das contías dos proxectos, que poderán ser de entre 2 e 30 millóns de euros.
Fábrica Intelixente e Sostible está aliñado co reto 2 da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, orientado a acadar un novo modelo industrial para Galicia baseado na innovación como ferramenta de competitividade e cos principais obxectivos da Axenda da Industria 4.0. Desde a súa posta en marcha en 2016, xa se concederon preto de 52 millóns de euros a 15 proxectos de 26 empresas e 4 centros tecnolóxicos que mobilizaron 218 millóns de euros en sectores como o motor, as TIC, o naval, o alimentario, o forestal e a lousa.
O programa Fábrica Intelixente en Galicia vén con 15 millóns de euros en axudas
Compartir Este Artigo

