Telefónica vén de facer balance dos seus fitos recentes en sustentabilidade e compromiso medio ambiental, poñendo o foco nas solucións que permiten reducir a pegada de carbono entre os usuarios. Segundo fixo saber a operadora, os seus clientes foron quen de evitar a emisión á atmosfera de máis de dous millóns de toneladas de CO2 (2,2 millóns de toneladas) grazas á dixitalización e o teletraballo. O carbono aforrado equivale a plantar un bosque de 36 millóns de árbores e demostra, en palabras da firma, “a capacidade das novas tecnoloxías para acelerar a transición ecolóxica”. A operadora lembra que esta cifra triplica todas as emisións evitadas en 2019 pola compañía nos seus clientes por este tipo de servizos, 709.000 toneladas de CO2.
As solucións de Telefónica Empresas que fixeron posible o traballo en remoto teñen o selo Eco Smart, que comparten os mesmos obxectivos: permiten a redución dos desprazamentos dos empregados aos postos de traballo, diminuíndo o consumo de combustibles e a climatización de oficinas, o que se traduce en menos emisións de CO2.
Telefónica fai saber que as conexións centrais dos clientes reforzáronse “en tempo marca” para “soportar a avalancha de conexións de teletraballadores”, polo que se incrementaron por seis os servizos de DataInternet, que ofrece acceso seguro a Internet sobre unha rede baixa en emisións, con electricidade 100% renovable. Amais, multiplicáronse por tres as solicitudes de Acceso Fixo Radio (AFR) para ofrecer accesos de respaldo ou adicionais en hospitais e fábricas declaradas esenciais, evitando a entrada de técnicos de Telefónica ou para áreas sen fibra.
Para garantir as comunicacións das empresas de modo que puidesen continuar coa súa actividade nos momentos máis críticos da pandemia, Telefónica colaborou con elas ofrecéndolles diversos pilotos gratuítos e habilitou operativas de continxencia para dar de alta clientes novos e abordar os incrementos con tempos de resposta de horas ou poucos días. Por outra banda, realizou dende marzo dúas ducias de webinars destinados a repasar as solucións que axudan á continuidade do negocio dos clientes e varios encontros virtuais con participación dos principais actores do mercado.
Os usuarios de Telefónica evitaron a emisión de 2,2 millóns de toneladas de CO2
Compartir Este Artigo

