O programa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, impulsado pola Deputación de Pontevedra para facer avanzar a formación TIC entre autónomos, empresas e profesionais, retoma a actividade este mes de setembro e faino, na primeira semana, con catro novos obradoiros online. As accións, con 10 prazas cada unha, versan sobre xestión de redes sociais, ferramentas para a mellora da web, ciberseguridade, copywritting, ferramentas para empresas turísticas, promoción das empresas ou técnicas de mercadotecnia dixital.
O primeiro curso celébrase este martes 1 e trata sobre os Infoprodutos: que son e como crealos da man de Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas. Ao día seguinte Mariana Rosa, graduada en Turismo, ensinará ás e aos participantes Medidas para enfrontar o coronavirus no teu establecemento turístico. O xoves 3 desenvólvese un obradoiro de Blockchain: a tecnoloxía que pode cambiar o mundo, co experto universitario en robótica Manuel Freire. Para finalizar a semana, o venres 4 Laura Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, impartirá un taller titulado Fotografía de produto para a túa tenda en liña ou ecommerce.
SmartPEME regresa a primeira semana de setembro con catro obradoiros online
Compartir Este Artigo

