O Concello de Poio quere acelerar os procesos para despregar fibra óptica en todos os recantos do termo municipal e así garantir, nos fogares e nas empresas, a total dispoñibilidade das telecomunicacións máis avanzadas con todas as vantaxes que isto implica: comunicación, Internet de alta velocidade, acceso a coñecemento, teleformación, teledocencia, etc. Por este motivo, o Goberno local está facilitar e axilizar “dentro das súas posibilidades” os trámites administrativos e xestións precisas para Telefónica continúe avanzando no plan de fornecemento que ten activo para dotar ás parroquias de redes de acceso de nova xeración, a través de tecnoloxía FTTH.
Os traballos de despregue, que tiveron o seu arranque en 2015 cando a empresa presentou ante a Administración local os detalles deste plan, cubriron a día de hoxe o 70% do territorio municipal, aproximadamente. O proxecto tivo continuidade este verán, cando Telefónica presentou nova documentación para dar continuidade a este plan de despregue. Segundo explica o Concello, as previsións da empresa son que se poida dotar deste servizo a unhas 320 unidades inmobiliarias, cuns labores que inclúen o fornecemento de fibra a través de canalizacións subterráneas xa existentes, “se ben de xeito excepcional realizaranse en tendidos aéreos por postes ou en trazados por fachada”.
A tenente de alcalde e concelleira de Servizos Municipais e Obras, Chelo Besada, garante que o Concello continuará axilizando as tramitacións en emprazamentos “da súa titularidade”, ademais de mediar cos propietarios de parcelas en caso de que sexa preciso, “tal e como se vén facendo ata o de agora”.
O Concello de Poio axiliza o despregue de fibra óptica por todo o municipio
Compartir Este Artigo

