A mocidade galega, malia a adversidade, atesoura un máis que relevante potencial de emprendemento. Isto ponse de manifesto en iniciativas como a Young Business Talents (YBT), programa impulsado por Praxis para divulgar entre a xente nova experiencias prácticas de mercado ao tempo que se pon ao seu alcance un simulador empresarial e máis unha competición (este ano online) que se leva a cabo nas Comunidades, incluída a nosa, e que culmina nunha edición estatal.
Segundo puidemos saber, 52 mozas e mozos galegos de idades comprendidas entre os 15 e os 20 anos chegan este venres á final en liña, onde se determinará o título de mellor empresaria/empresario virtual de España. No transcurso do remate da competición volverán usar simuladores para coller as rendas, en tempo real, de cadanseu proxecto empresarial co fin de acadar a meirande cota de éxito.
Trátase de 25 mozos da provincia de Pontevedra, 17 da Coruña, sete de Lugo e tres de Ourense, pertencentes a 11 centros educativos de Galicia, que figuran entre os 350 mozos seleccionados dun total de 83 centros educativos de toda España que se clasificaron para a final deste programa. O venres empregarán un xogo interactivo de negocios artellado por Abanca, ESIC, Herbalife Nutrition e Praxis MMT.
Debido á crise sanitaria a final desenvolverase por vez primeira en streaming e será retransmitida nas redes sociais de Young Business Talents.
Os gañadores da novena edición de Young Business Talents repartiranse máis de 14.000 euros en premios, así como diplomas acreditativos para os alumnos, profesores e centros docentes. Durante a pasada edición, alumnos do IES Luis Manzanares de Murcia alzáronse coa vitoria tras impoñerse a máis de 300 estudantes de toda España.
Medio cento de mozas e mozos da nosa terra tentarán ser os mellores empresarios virtuais na final da YBT
Compartir Este Artigo

