A Deputación da Coruña quere facer avanzar os traballos de dixitalización dos fondos do Arquivo Provincial. Para este fin, licitou dous contratos para o tratamento, preservación e universalización de máis de 1,3 millóns de páxinas do Boletín Oficial da Provincia desde 1835 e as resolucións de Presidencia desde 1949. Os labores de dixitalización dos fondos comezaron hai xa máis dunha década coas actas da entidade provincial e outros documentos orixinais de “especial relevancia ou valor patrimonial” que se custodian na sede do Arquivo na rúa Archer Milton Huntington da Coruña.
Agora, a Deputación vén de publicar a licitación de dous novos contratos para a dixitalización de preto de 1,3 millóns de páxinas de fondos documentais do Arquivo entre os que figuran o Boletín Oficial da Provincia desde 1835 ata 2009 (383 libros encadernados, cunhas 430.000 páxinas) e as resolucións e decretos dos distintos presidentes da institución que se conservan en papel desde o ano 1949 ata 2009, encadernadas en 1.722 libros cunhas 861.000 páxinas en total.
“A dixitalización destes fondos”, informa a entidade provincial, “facilitará o seu acceso á cidadanía e aos investigadores/as, mellorará a calidade na xestión documental do Arquivo, xa que permitirá mellorar a indexación e busca de contidos e preservar a integridade física dos orixinais, ademais de reforzar o sistema de información interno da propia Deputación”.
A Deputación da Coruña continúa os traballos de dixitalización dos fondos do Arquivo Provincial
Compartir Este Artigo

