O Parque Tecnolóxico de Galicia (San Cibrao das Viñas, Ourense) ten aberto o prazo de inscrición en Aulas Tecnópole e STEAM Kids Tecnópole, os cursos de formación en habilidades científicas e innovadoras para estudantes de 8 a 18 anos. A matrícula poderá realizarse ata o 30 de setembro. O obxectivo é ofrecer ás novas xeracións, por sexto ano consecutivo, “unha aproximación innovadora ao mundo da ciencia e a tecnoloxía desde unha óptica artística e creativa”. Haberá un límite de 25 asistentes.
O programa consta dun conxunto de actividades que xiran arredor de diferentes eidos do coñecemento e que requiren, segundo informa a Tecnópole, “do uso de todo tipo de habilidades, tal como acontece na vida real”.
Os participantes levarán a cabo pequenas investigacións, construirán robots programables, aprenderán a crear aplicacións e funcionalidades informáticas, terán a oportunidade de voar drons, deseñarán instalacións artísticas de base tecnolóxica, superarán retos interdisciplinares e descubrirán a maxia das matemáticas.
Estas sesións celebraranse os mércores de 18.10 a 19.40 horas durante os meses de outubro de 2020 a maio de 2021. A cota mensual é de 50 €, que inclúe o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense. As inscricións poden facerse a través da web da Tecnópole.
Aulas Tecnópole para rapaces de 12 a 18 anos
As Aulas Tecnópole, que este ano alcanzan a súa undécima edición, están pensadas para espertar vocacións científicas e incentivar o espírito emprendedor entre o alumnado de 12 a 18 anos. As prazas están limitadas a 40 asistentes.
Os estudantes, procedentes de centros de toda a provincia de Ourense, trasládanse unha tarde por semana a Tecnópole, os xoves de 17.00 a 19.00 horas, durante os meses de outubro de 2020 a maio de 2021. Unha vez alí dispoñen das instalacións e recursos do Parque Tecnolóxico de Galicia para levar a cabo os seus proxectos, axudados por un equipo de formadores con ampla experiencia docente e de desenvolvemento de programas destas características.
Os estudantes, todos eles de Secundaria e Bacharelato, reciben formación sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica rigorosa e a estrutura que debe ter a memoria escrita na que se recolla o proxecto. Os seus ámbitos de traballo abranguen todas as áreas do coñecemento, desde as novas tecnoloxías e a informática ata as ciencias ou as humanidades.
Os participantes no curso terán ocasión de presentar os seus proxectos en Galiciencia (Tecnópole) e noutros certames nacionais como Jóvenes Investigadores do Ministerio de Ciencia e Innovación. A cota mensual é de 15 €, que inclúe o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense. Os pasos da inscrición tamén poden facerse dende a web da Tecnópole.
Os nosos futuros makers xa poden inscribirse nas Aulas Tecnópole e en STEAM Kids Tecnópole
Compartir Este Artigo

