O Grupo Euskaltel vén de anunciar a sinatura dun acordo co operador de fibra óptica Adamo, polo cal terá acceso á totalidade da súa rede de fibra óptica a nivel estatal. A alianza entre as dúas empresas permitirá ao grupo vasco e a todas as súas marcas, incluída a galega R, obter acceso a máis de 1 millón de fogares no ámbito español, ampliable a 500.000 adicionais (os que Adamo ten programado despregar ao longo deste ano). O acordo ten unha duración de cinco anos con opción de prórroga.
A través desta alianza, Euskaltel terá acceso á rede de Adamo en modalidade bitstream, e tamén a todos os equipos e sistemas técnicos necesarios para que “a actividade comercial do Grupo Euskaltel na rede de Adamo a nivel nacional sexa plenamente satisfactoria e eficiente”. O grupo vasco mostrou a súa satisfacción polo acordo acado, ao que cualifica de “altamente beneficioso”, e máis logo de que o pasado 20 maio comezase a operar estatalmente ao abeiro da marca Virgin Telco, un lanzamento que conseguiu o seu primeiro fito ao remate de xuño, cando o primeiro balance de usuarios guindou unha cifra de 6.500 clientes.
Euskaltel tamén salientou que o acordo anunciado este 8 de setembro permitiralle avanzar en materia de eficiencia e xestión de rede (o grupo opera a nivel nacional a través de acordos asinados con Orange e con Telefónica, e a colaboración con Adamo posibilitaralle aumentar a flexibilidade e eficiencia no uso das redes a nivel nacional, o que redundará de xeito positivo nas previsións da compañía).
Euskaltel terá acceso á rede de fibra óptica de Adamo a nivel estatal
Compartir Este Artigo

