O proxecto da Cidade das TIC, a gran iniciativa institucional e empresarial para converter a Fábrica de Armas da Coruña nun gran complexo de innovación arredor do coñecemento tecnolóxico (un centro referencial que sitúe a Galicia na zona máis activa do mundo dixital), vai recibir un importante pulo da man do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que anunciou este luns que incluirá o proxecto nos galardóns da súa 12 Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. Concretamente entregaralle o Premio Grandes Proxectos TIC.
A distinción recaerá no máis que completo equipo de entidades, institucións e organizacións empresariais que impulsan a devandita transformación da Fábrica de Armas: a Universidade da Coruña (UDC) e o Clúster TIC de Galicia, coa colaboración do Goberno central, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello da Coruña.
Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. A gala celebrarase o 30 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela.
Segundo explica a xunta de goberno do CPEIG, esta distinción premia concretamente a iniciativa, pero asegura que “é satisfactorio ver como distintas administracións, de distintos ámbitos, póñense de acordo nun proxecto de país, que demostra a importancia que cobran as TIC nos nosos días”.
O presidente do colexio profesional, Fernando Suárez, lembra que xa no seu discurso institucional da Noite de 2019 facía referencia a que “esta unión é a única forma de avanzar, colaborando para ser máis fortes, aproveitando sinerxías e compartindo información e recursos”. Nesta liña, Fernando Suárez asegura que as e os profesionais da Enxeñaría en Informática comparten a profesión “máis social que existe”, porque están obrigadas e obrigados a entenderse con expertos de todos os ámbitos. “Fuximos das actitudes excluíntes doutros colectivos e apostamos pola unión, da que a Noite é referencia e que se ve levada ao seu máximo expoñente neste premio”, salienta, engadindo que “na ecuación da Sociedade da Información, a tecnoloxía é tan só un compoñente, o outro, e sen dúbida o máis importante, son as persoas”, e recalca que “o futuro non é un asunto unicamente tecnolóxico, tamén é cuestión de actitude e de talento, de curiosidade, de vocación por probalo todo, de inquietude e de ganas de mellorar”.
Segundo fai saber a respecto do proxecto premiado e dos porqués da devandita distinción, “a filosofía da Cidade das TIC céntrase na economía do coñecemento, onde os recursos máis importantes son as persoas e o talento, que podemos educar e atraer ao noso país para medrar máis, crear mellores postos de traballo e unha mellor calidade de vida para todos”.
Obxectivos da conversión da Fábrica de Armas
Segundo lembra o CPEIG, a Cidade das TIC será un espazo de encontro entre empresas e Universidade, de instalación de startups tecnolóxicas e un punto de apoio para o investimento tecnolóxico en Galicia. “Trátase dun proxecto ambicioso, sustentado pola puxanza do sector TIC galego e o seu alto crecemento nos últimos anos, que busca converterse nun dos centros neurálxicos da innovación e o negocio tecnolóxico en Galicia, a través dun modelo que permita a todos os axentes implicados compartir experiencias e coñecemento empresarial das compañías socias e os seus partners, sempre co apoio do ecosistema de investigación da UDC e do sistema universitario galego en xeral, constituíndo un escaparate único para a tecnoloxía made in Galicia”.
O pasado 18 de febreiro asinouse a cesión da Fábrica de Armas, situada no barrio coruñés de Pedralonga, entre o Ministerio de Defensa e a UDC. Este convenio permitirá reconverter a Fábrica de Armas nun polo tecnolóxico único en Galicia. E o pasado xoves, 25 de xuño, aprobouse no Consello da Xunta, unha achega de 4,82 millóns de euros ao ao proxecto do primeiro dos edificios da Cidade das TIC, o Centro de Fabricación Avanzada, que entrará en funcionamento nun prazo de dous anos logo de que o Concello da Coruña habilite e urbanice os accesos.
Segundo datos do Clúster TIC, o 55 por cento de todos os empregos xerados polo sector das novas tecnoloxías proceden da provincia da Coruña, e a súa maior parte da área metropolitana da Coruña (A Coruña, Abegondo, Arteixo, Cambre, Carral, Culleredo, Sada e Oleiros), onde hai situadas actualmente 505 firmas vinculadas á nova economía, que suman máis de 7.700 empregos e unha facturación conxunta de 1.097.105.597 euros.

Nesta primeira fase, hoxe en definición, crearanse neste centro unha serie de infraestruturas con equipamento propio, denominadas Labs, con financiamento da Xunta e baixo a responsabilidade da UDC e o Clúster TIC, que darán servizos a todas as empresas demandantes, con independencia do seu sector e tamaño. Segundo lembra o CPEIG, o centro terá cinco liñas innovadoras: dispositivos intelixentes, tecnoloxía multimedia, Intelixencia Artificial, computación cuántica e Internet das Cousas. En cada unha haberá demostracións, produtos funcionando e un servizo de prototipado.
Tras esta fase inicial, acometeranse outras accións programadas, como o aloxamento específico para empresas e institucións nos terreos da Cidade das TIC.
A Cidade das TIC será distinguida polo CPEIG na Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia
Compartir Este Artigo

