O Concello de Marín presentou esta semana un portal web para dar a coñecer a importante riqueza patrimonial dos lavadoiros do termo municipal, en palabras do Goberno local “espazos funcionais vencellados á cultura da auga que atesouran centos de anos de existencia e que foron perdendo protagonismo fronte as novas tecnoloxías e electrodomésticos”. Devolverlles este esplendor en parte perdido (só “en parte”, porque en Marín aínda seguen a ser empregados pola veciñanza, sobre todo as mulleres) e reivindicar a súa vertente de espazos históricos, sociais e cidadáns é un dos grandes obxectivos da iniciativa. A web permítenos saber todo o relativo aos lavadoiros de Marín.
O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, e a concelleira de Turismo, Cristina Acuña, presentaron o novo portal dese o lavadoiro Río de Casás, que, segundo afirmaron, foi obxecto dunha reivindicación que foi alén do virtual: renovouse o seu panel indicador, realizouse unha intervención integral para renovar a súa cuberta, acondicionouse o acceso e mellorouse a súa integración paisaxística.
Segundo explicaron, neste novo enderezo online (www.lavadoirosdemarin.com) cada un dos máis de 60 lavadoiros da vila conta cunha ficha multimedia na que se pode ver unha galería fotográfica da imaxe actual que presentan, unha pequena descrición na que se detallan as características arquitectónicas, o emprazamento, un mapa con xeoposición e unha fotografía a 360 graos.
Os concelleiros coincidiron en sinalar na presentación da web a importancia de recadar todos estes datos, “de tal xeito que estean á disposición de toda a veciñanza ou daquelas persoas que teñan interese en coñecer máis sobre os nosos lavadoiros, a súa historia e todas as súas localizacións, para poder ir visitalos”.
Tanto a renovación da sinalización dos lavadoiros como a creación deste portal web fixéronse con cargo a unha subvención para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico e cultural da Deputación de Pontevedra.
Marín reivindica o tesouro cultural e social dos seus lavadoiros nunha nova web
Compartir Este Artigo

