O foro de emprendemento Pont-Up Store de Pontevedra, que se celebra dende este xoves ata o sábado 19, conta un ano máis co apoio da operadora galega R. A compañía achegou o seu respaldo a un programa temático que, ante as esixencias da crise sanitaria, adopta o formato virtual, cunha morea de actividades en liña, sobre todo de carácter formativo, e experiencias diversas.
Pedro Figueroa, director de Pont-Up Store, considera que “a presenza dunha empresa tecnolóxica coma R no foro é especialmente relevante neste momento, no que as contornas dixitais son clave para as empresas en xeral e, sobre todo, para os novos emprendementos (…) Sentímonos moi afortunados por contar co apoio de R, un éxito empresarial nacido en Galicia e en continua expansión, referente, sen dúbida, para todos estas iniciativas innovadoras”.
Webinar de mercadotecnia dixital
Baixo o título Leva o teu negocio ao seguinte nivel co marketing dixital, R, da man de Sherpa Digital, artellará dúas sesións dirixidas a emprendedores (a quen xa son ou a quen queren selo) nunha charla virtual ou actividade de formación interactiva en liña que os/as interesados/as poden seguir doadamente dende as súas casas previa inscrición en pontupstore20. O obxectivo é amosar de que maneira a nova mercadotecnia pode levar o negocio dos/as emprendedores/as ao seguinte nivel estratéxico: mellorar de xeito substancial a visualización nas redes do proxecto innovador para atraer ao/á cliente/a e aumentar as vendas.
Tanto a xornada do venres 18 coma a do sábado 19 desenvolveranse polas mañás, en horario de 10:00 a 11:30 h. Na primeira delas falarase de transformación dixital e doutros conceptos básicos da mercadotecnia en liña e de contidos (blog, redes sociais, inbound...). Na segunda sesión o foco poñerase nos conceptos SEO, SEM e outros vencellados a eles, e tamén se tratará o apartado da publicidade en medios dixitais, entre outros temas.
R acode novamente á Pont-Up Store en apoio do espírito emprendedor galego
Compartir Este Artigo

