
O evento, que por mor da COVID tivo unha vertente marcadamente online, foi, malia a adversidade da pandemia, un éxito de asistentes (concorreron 5.500 persoas de 103 países) e repercusións (o Digital ECAI supuxo a emisión de máis de 500 horas de sesións científicas, conferencias, seminarios, mesas redondas, presentacións de empresas ou eventos sociais).
Respecto das procedencias dos participantes no congreso, o 75% dos asistentes pertencían a algunha universidade, o 17% eran profesionais e investigadores de IA en empresas e o restante 8%, a outras audiencias como gobernos ou medios de comunicación. No que atinxe á natureza do seu traballo, o 34% foron investigadores doutores, o 22% estudantes doutorados, o 20% mestrados, o 13% licenciados e o 11% graduados.
Amais de polos devanditos números (o alto número de asistes e horas científicas xeradas), a ECAI 2020 pasará á historia por ouros e variados motivos, como por exemplo o feito de que fose a primeira vez nos case cincuenta anos de andaina do congreso europeo en que este se realizou online, ou polo fito de terse conseguido recibir máis de 1.500 artigos científicos, dos que se se seleccionou finalmente a cuarta parte dos mesmos.
Amais, o comité organizador, a cargo do equipo do CiTIUS, foi pioneiro na creación dun ecosistema dixital singular para crear, nas súas palabras, “o que foi unha experiencia única a través da integración de tecnoloxías web”, entre as que se atopaban unha axenda dixital e unha plataforma de contidos científicos ou a habilitación de servizos de vídeo-conferencia e reunións virtuais, ao que se sumou a instalación dun plató virtual, entre outros recursos que resultaron ser de gran utilidade. Para complementar esta vertente, deseñáronse eventos sociais en directo e interactivos destinados a “promover a inmersión dos asistentes nunha conferencia científica dixital na cultura, a historia e a gastronomía da Universidade de Santiago de Compostela, a cidade e Galicia”. Por se isto fose pouco, foi a primeira vez que todos os contidos expostos na conferencia ficaron en formato de acceso libre e de xeito ilimitado para a súa consulta a través dunha web propia e da plataforma de contidos científicos Underline.io.
Facendo historia
Os retos asumidos en enfrontados nesta edición do evento foron moitos e variados. Segundo nos conta o presidente do comité organizador, Senén Barro, “cando tiñamos deseñado un congreso presencial, como tiña sido nas edición previas, a pandemia cambiou todos os nosos plans. A maioría das conferencias e congresos científicos suspendéronse ou aprazáronse alo menos ata o vindeiro ano. Nos quixemos reinventar a conferencia facéndoa completamente dixital. Foi unha experiencia esgotadora, pero pagou a pena. Temos feito historia e ademais, temos logrado que os mais de 5.500 asistentes de máis de 100 países saiban que esta historia a escribiu o CiTIUS-Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC”.
Mobilización a prol da presenza feminina no eido da IA
A asociación Women in Artificial Intelligence (WAI) TIME -Mulleres no Tempo da Intelixencia Artificial- participou na ECAI 2020 facendo un chamamento á mobilización de todo o colectivo de investigadores e profesionais da Intelixencia Artificial para “incrementar a presenza feminina neste sector, xa que non supera o 22% dos profesionais a nivel mundial”. Durante a sesión, as representantes de WAI TIME avogaron por establecer medidas que incrementen a presenza feminina neste eido, xa que as mulleres están “infrarrepresentadas”. Esta circunstancia, comentaron, tamén se produce no ámbito académico e das grandes empresas, onde non alcanzan a ser nin o 25%.
Entre as conclusións suscitadas no debate, no que participaron as profesoras Kerstin Bach (Noruega), Alice Othmani (Francia) e Kristiina Jokinen (Finlandia), figura a necesidade de “establecer redes de asesoramento e apoio ás investigadoras porque moitas se senten soas no seu traballo e iso leva a que se desanimen ou mesmo abandonen”.
As relatoras coincidiron en denunciar que, do mesmo xeito que acontece noutros ámbitos profesionais e científicos, as mulleres teñen que esforzarse moito máis cós homes en demostrar a súa capacidade e a súa valía, xa que teñen un problema de “credibilidade” e “autoridade” só por razóns de xénero. Para erradicar a fenda de xénero sosteñen que é preciso establecer unha rede de titorías para as mozas investigadoras, na que participen tamén os colegas masculinos, para reducir a taxa de abandono.
Outra das propostas avoga por fomentar o interese das nenas no ámbito educativo polos ensinos técnicos (STEM), aínda que este esforzo tamén se debe trasladar á contorna familiar. Así mesmo, defenderon que se deben promover a profesionais femininas como modelos de éxito no ámbito da Intelixencia Artificial. Tamén reclamaron a necesidade de establecer “códigos de condutas e políticas antiacoso ou antidiscriminatorias” en todas as organizacións.
No caso da ECAI Digital 2020, a participación feminina conseguiu romper a devandita brecha de xénero coa presenza de mulleres no 47,4% nos postos da organización, fronte ao 52,6% dos homes, e con 4 mulleres dun total de 10 relatores principais na conferencia. Con todo, de novo a reducida presenza da muller no ámbito científico da Intelixencia Artificial evidenciouse no feito de que só un 22,1% dos artigos de investigación presentados neste congreso viñesen asinados por mulleres. Polo que respecta á asistencia, o 27% das 5.000 persoas inscritas foron mulleres.

A ECAI Dixital 2020 premiou un proxecto que vai directamente encamiñado a mellorar a saúde laboral mediante sistemas intelixentes. Trátase de WearHealth, unha contribución que permite ás empresas “unha prevención proactiva e preditiva que reduce os riscos para a saúde dos traballadores”. O proxecto vén da man da empresa xermana do mesmo nome, con sedes en Luxemburgo e en Nigrán. Na ECAI foi seleccionada como nova firma gañadora da sección Lab to Market.
No concurso Pitch Competition da ECAI participaron startups innovadoras, spin-offs ou empresas en fase de incubación. Nel debían demostrar os beneficios dos seus proxectos mediante a aplicación de tecnoloxías avanzadas con capacidade para avaliar información e tomar decisións.
O proxecto gañador consiste nunha plataforma para monitorizar, mediante a aplicación de Intelixencia Artificial, os postos de traballo de empresas cuxa actividade requiran man de obra intensiva, co fin de ofrecer solucións de prevención dos riscos para a saúde de traballadores. Faino recompilando datos para elaborar mapas dos posibles perigos físicos e mentais dos empregados, co obxetivo de anticipar as solucións.
WearHealth iniciou a súa andaina hai 10 anos como un proxecto do Instituto de Intelixencia Artificial da Universidade de Bremen (Alemaña) para avaliar o estado de saúde de pacientes con enfermidades crónicas (pulmonar, renal, etc.). Ao longo da súa traxectoria colaboraron con multinacionais do sector do motor, enerxéticas ou tecnolóxicas.
A Digital ECAI logrou a participación de 5.500 persoas e máis de 500 horas de actividades
Compartir Este Artigo

