O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) inauguraron este 22 de setembro a décima edición do Curso Superior de Administración Electrónica. O acto celebrouse na sede compostelá da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e contou coa presenza da súa directora, Sonia Rodríguez-Campos, e do presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo. Será, sinalaron, unha actividade formativa avanzada sobre ferramentas transformadoras (áxiles, seguras, eficientes, sen límites espaciais nin temporais) para empregados públicos.
No transcurso da presentación, Fernando Suárez debullou a importancia de poñer en xogo os máximos esforzos para modernizar o xeito que temos de relacionarnos coas institucións públicas: “No acto contexto marcado pola COVID-19 a informática permitiu soster a educación, a economía, as relacións persoais, e por suposto o funcionamento das administracións, unha importante lección coa que se demostra que a dixitalización permítenos achegar as organizacións públicas ao cidadán”.
Para reforzar a devandita idea, o presidente do CPEIG analizou os obxectivos da Axenda España Dixital 2025, centrada no impulso da transformación dixital que axudará ao desenvolvemento do Estado, co despregue do 5G, o reforzo da ciberseguridade, a dixitalización das administracións e das empresas, o desenvolvemento da economía do dato, a Intelixencia Artificial e os dereitos dixitais da cidadanía, entre outros. “Esta axenda marca que en 2025, o 50% dos servizos públicos estean dispoñibles en app móbil e simplificarase a relación da cidadanía e empresas coas administracións”, dixo, ao que engadiu que a axenda tamén tentará pechar unhas fendas dixitais (socioeconómicas, de xénero, xeracionais, territoriais ou ambientais), que Suárez manifestou que se acentuaron máis durante a pandemia. “Preténdese conseguir que en 2025 o 80% das persoas teñan competencias dixitais básicas, a metade delas mulleres”, indicou.
Para alcanzar estes propósitos, Fernando Suárez apuntou que as organizacións públicas deben “cambiar, moverse e actuar”, tendo como centro da transformación ao cidadán e os servizos que se lles ofrecen.
Durante a súa intervención, a directora da EGAP incidiu na necesidade de ofrecer “unha formación actualizada e de calidade aos empregados da Xunta de Galicia sobre as ferramentas dixitais da administración, coa finalidade de ofrecer un servizo eficiente á cidadanía, especialmente relevante no momento actual para dar resposta ás necesidades creadas pola COVID-19”. Amais, salientou que esta materia tecnolóxica é “esencial debido á progresiva transformación do sector público a un modelo integramente dixital e aos cambios derivados da aprobación da Lei 39/2015, a cal sentou as bases dun aparato administrativo que lle asegura á cidadanía a posibilidade de relacionarse cos organismos públicos a través de medios electrónicos”.
Pola súa banda, o director da División de Planificación e Coordinación de Ciberseguridade do Ministerio de Política Territorial, Miguel Ángel Amutio, explicou no seu relatorio, Presente e futuro da Administración Electrónica, que a transformación dixital, acelerada pola pandemia, é “un feito inexorable que afecta a todos os ámbitos”, incluíndo ás organizacións nos seus procesos, servizos e datos manexados, ás persoas como profesionais e cidadáns, aos medios e hábitos de traballo, educación, lecer, ocio, consumo, e interacción social, “a causa da omnipresenza da tecnoloxía”.

Formación transversal
O Curso Superior de Administración Electrónica pretende afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da eAdministración, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións galegas. O obxecto é integrar de maneira transversal os ámbitos tecnolóxicos, xurídicos, políticos, organizativos e comunicativos, entre outros.
Abordaranse os principais aspectos das normas existentes e analizarase o modo no que a eAdministración foi aplicada ata a actualidade e as súas perspectivas de futuro. Explicarase a intensificación do uso de medios electrónicos contida na Lei de Contratos do Sector Público; a utilización de medios electrónicos a efectos do cumprimento da Lei de transparencia e como instrumento para favorecer a participación; así como a incidencia que ten o regulamento Xeral de Protección de Datos (RGPD) e a Lei de Protección de Datos; sen esquecer cuestións relacionadas cos Esquemas nacionais de seguridade e de interoperabilidade e a súa aplicación.
A formación está destinada a 50 empregados públicos, en situación de servizo activo da Administración autonómica e entidades instrumentais da Comunidad de Galicia. Impartirase na modalidade semi-presencial, con 30 horas de prácticas presenciais en Santiago de Compostela os días 22 e 29 de setembro e 6, 13 e 20 de outubro, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e 84 horas de teleformación.
O CPEIG e a AMTEGA inician un curso avanzado de eAdministración para empregados públicos
Compartir Este Artigo

