A entidade estatal Red.es vén de informar polo miúdo dos cambios que se aveciñan este outono ao abeiro do Segundo Dividendo Dixital, que se manifestarán, os vindeiros 1, 7 e 14 de outubro, co cesamento de emisións dalgunhas canles nas súas antigas frecuencias de TDT, que unicamente poderán seguir véndose polas novas. Este proceso atinxirá directamente a 5.019 municipios incluídos en 38 áreas xeográficas das 75 establecidas no Plan Técnico Nacional da TDT. En virtude destas modificacións, os edificios de tamaño mediano e grande terán que adaptar a súa instalación de antena e toda a cidadanía deberá resintonizar os seus televisores co mando a distancia, con independencia do tipo de vivenda na que resida.
Os municipios nos que aínda se está executando o proceso do Segundo Dividendo Dixital están repartidos en 46 provincias de 15 comunidades autónomas (Andalucía, Aragón, Canarias, Cantabria, Castela e León, Castela A-Mancha, Cataluña, Comunidade de Madrid, Comunidade Valenciana, Estremadura, Galicia, A Rioxa, Navarra, País Vasco e Rexión de Murcia) e a Cidade Autónoma de Ceuta.
A cancelación das emisións nas antigas canles programada para o 1 de outubro abranguerá as provincias de Ourense e Pontevedra.
O Goberno central recomenda que os administradores de propiedades ou os presidentes de comunidades de todos aqueles edificios de tamaño mediano e grande destes municipios e “onde aínda non se realizase a adaptación”, contacten canto antes cunha empresa instaladora rexistrada, “sendo o máis recomendable solicitar varios orzamentos”.
Polo que respecta ás vivendas individuais, non necesitan facer esta adaptación.
Axudas públicas
O pasado 21 de xuño aprobouse por Real Decreto unha liña de axudas destinada a compensar “os custos derivados da recepción ou acceso aos servizos de comunicación audiovisual televisiva nas edificacións afectadas polo Segundo Dividendo Dixital”. A contía da subvención oscila entre 104,3 euros e os 677,95 euros, en función da infraestrutura previamente instalada no edificio.
As solicitudes de axudas poderanse presentar online ata o 31 de decembro de 2020, tras realizar previamente a adaptación das instalacións de recepción do sinal de TDT.
Que é o Segundo Dividendo Dixital?
O cambio de frecuencias da TDT prodúcese a consecuencia do chamado Segundo Dividendo Dixital, polo que se debe deixar ceibe e despexado, por mandato europeo, a banda de 700 MHz do espectro radioeléctrico para permitir o despregue de futuras redes de telecomunicacións 5G. O obxectivo, sinala o Goberno, é “facer máis eficiente o espectro radioeléctrico para que, en menor espazo, se manteñan os mesmos servizos e liberar parte para a chegada doutros novos”.
A data de cesamento de emisións simultáneas pódese consultar por código posta na web da Televisión Dixital.
Este 1 de outubro chegan a Ourense e Pontevedra os derradeiros ceses de emisións simultáneas de TDT
Compartir Este Artigo

