A nosa terra vai contar en novembro con seis Lanzadeiras Conecta Emprego, as iniciativas de adestramento e capacitación innovadora postas en marcha polas fundacións Telefónica e Santa María A Real e o Goberno galego. As lanzadeiras son acubillos de formación de balde, con actividades ligadas á orientación laboral, a novas técnicas e ferramentas e ás competencias transversais e dixitais. Terán presenza de seu, a partir de novembro, na Coruña, Carballo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo. Poderán participar persoas en desemprego de entre 18 e 60 anos, con diferentes niveis de estudos e procedentes de calquera sector profesional, con ou sen experiencia previa. O programa ten financiamento do Fondo Social Europeo a través do programa operativo POISES; contándose en Galicia coa colaboración da Xunta.
A media ducia de lanzadeiras do noso territorio estarán operativas ata finais de abril de 2021, ofrecendo de forma gratuíta orientación laboral, acompañamento e asesoramento a persoas que se atopen en paro ou desemprego.
As persoas participantes reuniranse varios días á semana de forma virtual (a través de diferentes aplicacións informáticas) e de forma presencial, en instalacións cedidas de balde pola Xunta de Galicia, onde se contará con todas as medidas de seguridade, hixiene e distancia social requiridas. No entanto, as entidades organizadoras sinalan que en caso de que a situación se agrave pola pandemia, o programa pasará a desenvolverse completamente online.
Os participantes contarán coa orientación de técnicos especializados, que lles guiarán para mellorar a súa empregabilidade e perseguir a súa inserción. Deste xeito, realizarán dinámicas de intelixencia emocional para aprender a desenvolver un plan de prospección laboral; actualización de currículos e simulacións de entrevistas de traballo; mapas de empregabilidade e contactos con empresas.
As persoas interesadas en participar nas próximas Lanzadeiras Conecta Emprego da Coruña, Carballo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo dispoñen ata o 9 de novembro para realizar a súa inscrición na web da iniciativa.
Galicia contará en novembro con seis novas Lanzadeiras Conecta Emprego
Compartir Este Artigo

