A Universidade da Coruña lanzou unha iniciativa para favorecer a inclusión dixital entre os estudantes, unha medida de urxencia nun contexto (un contexto COVID) onde cobra especial importancia a teleformación en calquera das súas vertentes. Trátase dun programa de de préstamo de material informático e de conexión a servizos de rede para o desenvolvemento da docencia deste curso 2020/2021, con motivo da crise sanitaria. Segundo informa a UDC, a medida está dirixida a alumnado de grao e mestrado que non dispoña de equipamento informático ou dunha conexión axeitada de Internet.
En concreto, a Universidade da Coruña prestará 48 ordenadores portátiles (Intel Celeron–4GB de RAM; 64 GB HDD; 14,1”); 113 cámaras web e 190 tarxetas SIM de datos de Orange (90GB/mes), de cesión libre, que se activarán para un período que comprenda ata o remate dos exames do primeiro cuadrimestre. O alumnado deberá estar en posesión dun dispositivo axeitado para o uso da devandita tarxeta SIM.
A duración do préstamo do material informático estenderase, como máximo, ata a finalización dos exames do primeiro cuadrimestre o 05/02/2021. O alumnado beneficiario poderá solicitar, en caso de necesidade, a prórroga do préstamo. Os recursos susceptibles de préstamo son propiedade da Universidade da Coruña e serán empregados exclusivamente con fins docentes. Calquera outro uso poderá dar lugar a responsabilidade económica e disciplinaria.
O alumnado poderá solicitar o material informático antes do 21 de outubro. Para máis información cómpre visitar a información do servizo achegada dende a web da UDC.
A UDC prestará ao alumnado material informático e de conexión
Compartir Este Artigo

