O enxeñeiro industrial Eduardo Balvís vén de propor unha solución para tirar proveito das lámpadas LED como rede de información para a xestión de Cidades Intelixentes, achegando e compartindo datos sobre parámetros como os niveis de contaminación, a polución acústica ou outras variables de interese. Este é un dos principais resultados da tese de doutoramento do devandito investigador vencellado ao Campus de Ourense (UVigo), na que profundou na aplicación de tecnoloxías fotónicas e modelos matemáticos para o alumeado intelixente e a eficiencia enerxética.
A tese estivo dirixida polo catedrático da Universidade de Vigo Humberto Michinel e foi realizada ao longo dos últimos anos no grupo de Enxeñaría Física do Campus de Ourense, seguindo as liñas de investigación do grupo máis orientadas á transferencia de coñecemento cara sectores produtivos do tecido empresarial circundante. “En particular, o obxectivo principal deste traballo foi o desenvolvemento de tecnoloxías e métodos computacionais para xerar innovación no sector da iluminación LED”, indica o xa doutor.

A tese ten o seu alicerce na Internet das Cousas aplicada aos elementos urbanos, neste caso concreto ás lámpadas LED. Os resultados do seu traballo foron probados nos farois instalados no Campus de Ourense polos membros do equipo que desenvolven esta liña de investigación, que son, ademais de Balvís, Humberto Michinel e Ricardo Bendaña. Na investigación explícase o proxecto de iluminación intelixente levado a cabo no contexto do proxecto Nanoeaters, aínda en desenvolvemento. “Discútense os elementos fundamentais (chips, sensores, computador central) usados para fabricar os prototipos e danse detalles sobre o software desenvolvido para controlar o sistema”, comenta o profesor da Uvigo, engadindo que o traballo “permitiu instalar os prototipos no propio Campus de Ourense, utilizando as lámpadas para medir e transmitir en tempo real os valores de diversas variables ambientais”. Trátase do “emprego de técnicas electrónicas de baixo custo que, combinadas con adecuados algoritmos matemáticos, permiten dispor dun sistema de adquisición, transmisión e procesado de determinados datos”, explica.
O Campus de Ourense foi o campo de probas dun proxecto para converter as LED nunha rede de información
Compartir Este Artigo

