O pasado 2 de outubro presentouse en Ourense, no marco do Festival de Cine OUFF, a plataforma dixital Fiestra.gal, unha contribución online da Academia Galega do Audiovisual que promove o uso de producións galegas (curtametraxes principalmente) como ferramentas pedagóxicas en educación Infantil, Primaria e Secundaria. Na cita, celebrada no Centro Cultural Marcos Valcárcel, explicouse que a escolma de audiovisuais puxo o foco nos valores educativos e na calidade artística da producións.
Tamén se fixo saber que na plataforma Fiestra cada unha das obras vai acompañada dunha serie de recursos didácticos cos que poder traballar as nenas e os nenos nas aulas. A iniciativa busca “dar resposta ás demandas dos docentes de educación Primaria e Secundaria que queren empregar o audiovisual galego como ferramenta pedagóxica”, explicou a Academia, sinalando que o catálogo foi seleccionado polo equipo de programación e asesoramento pedagóxico formado por Marcos Nine, Jorge Rivero e Álvaro Dosil.
Fiestra é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual que conta co patrocinio da Deputación de Ourense e a colaboración do grupo de investigación Terceira Xeración da USC.
Fiestra.gal leva os nosos audiovisuais aos centros de ensino
Compartir Este Artigo

