O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) ofrece este 8 de outubro, entre as 9.00 e as 11.00 horas, un espectáculo online que pon o punto de mira nos importantes achados que nos teñen deparado (e nos depararán) as mulleres científicas e tecnólogas. A actividade Ciencia e Tecnoloxía en feminino, que se dirixe a fomentar vocacións entre as estudantes de Secundaria de toda Galicia, será presentada pola directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey.
Trátase dunha xornada de divulgación abeirada ao traballo da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), na que o parque de San Cibrao das Viñas está integrado. O obxectivo desta iniciativa, que este ano cumpre a súa terceira edición, é lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen as especialidades STEM.
O espectáculo de ciencia será conducido por dous experimentados divulgadores científicos, Patricia Barciela e David Ballesteros. Patricia Barciela é directora da Domus, o museo de ciencia dedicado ao ser humano; especializada en comunicación científica, ten participado en numerosos proxectos nacionais e internacionais e é colaboradora habitual nos medios de comunicación. Pola súa parte, David Ballesteros, xeólogo de formación, dedícase á divulgación científica e á formación de mozas, mozos e docentes no eido da ciencia e a tecnoloxía, co-presenta o programa Aquelando da TVG, dirixe as aulas de investigación para xente nova do Parque Tecnolóxico de Galicia e máis de 15.000 persoas teñen asistido aos seus shows científicos nos últimos anos.
No transcurso do evento darase a coñecer o proxecto Ciencia e Tecnoloxía en feminino, da man do presidente de APTE, Felipe Romera, e da directora xerente da Asociación, Soledad Díaz. E presentarase a exposición Mulleres que cambiaron o mundo, que se exhibe en Tecnópole e amosa a traxectoria de mulleres científicas e tecnólogas tanto históricas como actuais.
A Tecnópole achega este xoves un espectáculo de tecnoloxía en feminino para o alumnado de Secundaria
Compartir Este Artigo

