A escola galega Hack A Boss e máis StudentFinance veñen de selar unha alianza a prol da educación tecnolóxica en España, unha cuestión de especial relevancia nos tempos previos á crise de pandemia pero que subiu novos chanzos, en materia de transcendencia, a partir deste mes de marzo (cando se fixo mías evidente ca nunca a importancia de avanzar en transformación). Para este obxectivo de dar resposta a aquelas persoas interesadas en desenvolverse profesionalmente no sector TIC, as dúas entidades adicarán máis de 100.000 euros.
Segundo fan saber, en España o 40% das empresas dixitais teñen problemas para contratar profesionais cun perfil dixital especializado. Este dato choca de fronte coa alta taxa de empregabilidade deste tipo de estudos, que é, segundo nos recordan dende Hack A Boss, dun 90%.
“Este medre”, explica a escola galega, “fai que perfís profesionais con coñecementos sobre JavaScript, CSS, React.js ou HTML estean entre os máis demandados do sector, por iso estamos a apostar pola formación de perfís full stack mediante unha metodoloxía educativa que se basea nos bootcamps”. Trátase, coméntanos Brais Rodríguez, coordinador de Mercadotecnia de Hack A Boss, “dunha modalidade de aprendizaxe que permite preparar a persoas sen unha base previa en programación e convertelas en profesionais con saída ao mercado laboral en tan só 16 semanas”.
Co fin de conseguir que este tipo de formación sexa accesible a todo o mundo, a escola galega chegou ao devandito acordo con StudentFinance e a súa modalidade de pago chamada Acordo de Ingresos Compartidos (ISA), que ofrece ao alumno a posibilidade de pagar polos seus estudos unha vez atopasen un emprego e sempre que o seu salario estea por enriba do limiar de ingresos mínimos.
Para acceder a este tipo de financiamento é necesario superar un pequeno reto co que demostrar os coñecementos da persoa e as ganas por cursar o bootcamp de programación. Quen desexe máis información sobre a iniciativa pode consultala na web de StudentFinance.
StudentFinance e a escola galega Hack A Boss adicarán máis de 100.000 euros a financiar a educación TIC
Compartir Este Artigo

